Noticias

As e os maiores e pequenos do Concello de Portas, na carpa do Revitaliza para aprender sobre compostaxe

Mestras e mestres compostadores da Deputación estiveron hoxe no composteiro da Azucreira para dar información, consultar dúbidas, xogar ao ‘xogo da miñoca' e repartir agasallos entre as persoas máis concienciadas


21 outubro 2019
Revitaliza Portas

As mestras e mestres composteiros do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra falaron hoxe de compostaxe tanto coas persoas máis pequenas como coas máis maiores do Concello de Portas. A carpa informativa que se instalou diante da Azucreira recibiu a preto de 180 rapazas e rapaces do colexio Domingo Fontán, a un grupo de persoas usuarias do centro de día –que está nas inmediacións do centro de compostaxe comunitaria da vila–, e tamén a veciñanza interesada en facer que o lixo orgánico teña unha nova vida e se converta en compost.

No punto informativo do Revitaliza as e os máis pequenos puideron xogar ao ‘xogo da miñoca' e conseguir agasallos por acertar preguntas relacionadas coa compostaxe. As e os escolares atenderon ás explicacións do persoal técnico sobre como funciona o centro de compostaxe comunitaria e tamén resolveron as dúbidas que había (principalmente sobre o tipo de lixo que se pode botar no composteiro e o que non). Pola súa banda, toda a veciñanza puido recoller unha mostra de compost e unha planta aromática ou ornamental, así como diferente material divulgativo e de concienciación para que compostar no fogar sexa aínda máis sinxelo (imáns, guías, bolsas…).

Nas dúas semanas que o punto informativo leva percorrendo a provincia o interese espertado pola carta ten sido moi alto, ao igual que os resultados de adhesións individuais ao plan provincial, xa que son decenas de veciñas e veciños as que teñen solicitado un composteiro para o seu domicilio ou ben compostar nos centros comunitarios próximos ás súas vivendas.

As actividades de información sobre o Plan Revitaliza pretenden xerar unha dinámica de dinamización e impulso da compostaxe como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable, achegando de maneira lúdica e sinxela á veciñanza que é compostar: dar unha nova vida aos residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural e xeren novos produtos, fomentando así a economía circular en lugar de queimalos ou envialos a un vertedoiro.

Fotos