Noticias

As festas de San Xosé do barrio pontevedrés de Campolongo contarán con material das campañas de igualdade da Deputación de Pontevedra

A institución provincial achegará todos os elementos informativos de "Lembra, eu decido, ti respectas" para as festas que se celebran desde mañá ata o 19 de marzo


15 marzo 2019
Eu decido ti respectas

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Igualdade, colabora coas festas de San Xosé do barrio pontevedrés de Campolongo na colocación dos puntos morados de información sobre as violencias machistas e para iso poñerá á súa disposición o material das campañas de "Lembra, eu decido, ti respectas", dirixidas tanto a mozas como a mozos.

Preténdese concienciar así á poboación máis nova da importancia das relacións en igualdade e repártese material explicativo no que se mostran con claridade os límites ante posibles agresións, facendo fincapé en que son un delito e que a culpa nunca é da vítima.

Durante o pasado verán, a Deputación tivo en marcha esta campaña de igualdade en todos os #RíasBaixasFests, e posteriormente, a institución provincial ofrece o seu material divulgativo para ser utilizado por todos os concellos e entidades que así o soliciten. Por exemplo, chegou a festivais e festas patronais de Poio, Cangas, Ponte Caldelas, Lalín, Vilaboa, O Grove e Cuntis, entre outros. Durante as pasadas festas do Entroido, a Deputación tamén colaborou deste xeito co Concello do Grove.