As maiores referentes do feminismo do estado estarán na escola María Vinyals no II Encontro Nacional de Políticas Públicas de igualdade

O Castelo de Soutomaior acollerá os días 1 e 2 de xuño este simposio, que xunto á iniciativa Canteira de Igualdade e a formación nos institutos conforma o programa educativo de igualdade desenvolvido pola Deputación e coordinado por Rosa Cobo

16/05/2022

O Castelo de Soutomaior volverá converterse no epicentro nacional da análise das Políticas Públicas de Igualdade en España coa segunda edición do Encontro organizado pola Escola María Vinyals da Deputación de Pontevedra e que terá lugar os días 1 e 2 de xuño. As xornadas, que este ano terán como temas centrais a violencia sexual e a situación da igualdade na Universidade e na Cultura, reunirán a quince mulleres, as maiores referentes do feminismo do Estado, para ofrecer trece horas de debate, entre as que se atopan Victoria Rosell, delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Nuria Varela, directora xeral de Igualdade do Principado de Asturias, Alda Facio, xurista feminista e experta internacional en xénero e dereitos humanos, Soledad Murillo ex secretaria de Estado de Igualdade, ou Rosa San Segundo, presidenta de EUFEM, que agrupa aos centros e institutos de estudos feministas e de xénero.

O Congreso forma parte do proxecto global de políticas de igualdade enfocadas á educación que desenvolve a Deputación coa Escola e que, coordinadas pola experta Rosa Cobo, inclúen tamén a formación levada a cabo en institutos e o programa Canteira de Igualdade, dirixido á implicar á mocidade como axentes do feminismo e que vén de finalizar. A presidenta, Carmela Silva, acompañada de Rosa Cobo, e de Priscila Retamozo, coordinadora de Canteira de Igualdade, presentaron o programa que, como dixo Carmela Silva, forma parte da idea de ter cada ano "unha posición clara de políticas públicas neste camiño da igualdade que queremos construír xuntas".

O II Encontro Nacional sobre Políticas Públicas, para o que hoxe mesmo se abre a inscrición nesta ligazón , será presencial e retransmitido tamén por streaming na web e nas redes da Deputación. Como destacou Carmela Silva, se a primeira edición "foi un encontro nacional de primeirísimo nivel" coa participación de mulleres do mundo local, técnico, político ou do asociacionismo, este ano será "potentísima" e o foco estará posto en temas como a violencia sexual, o lugar que ocupan os estudos feministas na Universidade e na resignificación do patrimonio literario e a cultura "como elementos transformadores do pensamento" e na axenda feminista. "Pontevedra volverá ser a provincia da igualdade ao lado destas quince extraordinarias mulleres que son das mellores expertas nestes eidos".

A coordinadora do simposio, Rosa Cobo, indicou que no 2021 o programa do Encontro abordou as políticas públicas cun carácter xeral, mentres que esta edición falará sobre violencia sexual, "porque pensamos que se hai que facer unha reflexión e se hai que facer políticas de fondo para confrontar un problema, é o da violencia contra as mulleres e en particular a sexual". Deste xeito, afondarase na loita contra violencia e prestarase atención á situación das adolescentes, á cultura da violación, á prostitución e á pornografía. "É imposible entender o aumento dos delitos sexuais entre menores de idade se non poñemos o foco na pornografía -dixo-. É unha reflexión global potente porque imos a poñer o foco en aspectos cruciais para reflexionar e pensar en medidas". O segundo bloque analizará a Universidade co punto de partida de que "o feminismo é unha liña de investigación que non ten o apoio e espazo suficiente na Universidade". Finalmente o día 2 analizaranse as políticas da "alta e baixa cultura, porque desde delas se está a crear un imaxinario non só sobre o que somos, senón do que debemos ser".

Tanto Rosa Cobo como Priscila Retamozo destacaron a aposta da Deputación pola igualdade, "porque nos últimos anos nos quedamos orfas de institucións que fixesen da igualdade unha referencia fundamental, e necesitamos que haxa institucións que retomen ese papel. "Creo que a Deputación estano a facer e tense convertido nun referente a nivel nacional", destacou Cobo.

Canteira de Igualdade "Hai esperanza"

Por outra banda, Carmela Silva e Priscila Retamozo fixeron balance do programa Canteira de Igualdade, "unha iniciativa única no Estado" que persegue a formación de mozas e mozos que naceu cunhas charlas previas levadas a cabo en diversos institutos para continuar despois a labor de formación con sesións especializadas que tiveron lugar durante dez sábados na sede da Deputación en Vigo. Participaron un total de vinte mozas, mozos e docentes, que durante 40 horas de formación afondaron en temas como a división sexual do traballo, o amor, as redes sociais, a historia do feminismo, a cultura da violación, a pornografía ou a prostitución. Retamozo coordinou o equipo de relatoras destas sesións, formado polas expertas Mercedes Oliveira; Luisa Abad; Amada Traba; Lola Varela; Amara Pérez; Mónica Baleirón e Lucía Coutado.

A politóloga subliñou que os resultados da experiencia foron "moi bos", e todas as persoas participantes teñen destacado que esta formación "permitiu crear un espazo interxeracional seguro para afondar nestes temas e poder crear canteira". Lembrou que algunhas das cuestións escoitadas da rapazada nos centros "poden ser arrepiantes como a normalización violencia sexual e da prostitución que o único que fixeron foi convencernos do imprescindible que son este tipo de programas", indicou. Subliñou tamén a implicación amosada pola mocidade asistente, "nos demostrou que durante dez sábados estiveron alí catro horas falando de igualdade, construíndo, falando teoría política feminista, masculinidades, de bo trato, de coidado e de fenda salarial e non fallaron". "Escoitar falar a mocidade con esa capacidade de argumentación, con esa crenza na igualdade foi esperanzador -apuntou-. Todas acabamos convencidas que hai esperanza, e que contra determinados discursos, o mellor é escoitar á mocidade convencida de que as cousas poden cambiar".

Neste senso, destacou tamén que esa implicación xa está a garantir o éxito da próxima segunda edición, "porque cando lles falamos de mellorar a difusión, un deles xa nos dixo: a mellor difusión deste programa somos nós: todos os meus amigos xa están apuntados, contade con eles". Retamozo concluiu por elo que "todo o traballo que se fai con educación ten un retorno mil veces superior . Este é un proxecto que medra por si só, nós só puxemos os recursos para algo que xa existe. Porque xa existe unha mocidade que cre na igualdade".

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.