Noticias

As máquinas limpa-praias da Deputación de Pontevedra traballaron na comarca de Arousa durante todo o verán

Os concellos de Vilanova de Arousa e O Grove foron os beneficiarios do operativo de mantemento dos areais durante esta campaña estival


16 setembro 2020

Os areais dos concellos de Vilanova de Arousa e O Grove foron obxecto durante este verán dunha campaña de mantemento a cargo das máquinas limpa-praias da Deputación de Pontevedra, que se centraron na comarca de Arousa atendendo ás solicitudes dos dous concellos.

Os dispositivos prestaron servizo en Vilanova de Arousa durante todo o mes de xullo e tamén estiveron nas praias do Grove desde a segunda quincena de xuño ata finais de agosto. En ámbolos dous casos atendéronse as prórrogas solicitadas polos concellos arousáns, polo que as persoas usuarias e as/os turistas tiveron ocasión de gozar duns espazos libres de residuos.

A Deputación dispón de tres máquinas limpa-praias no seu Parque de Maquinaria, que pon a disposición dos concellos tódolos anos a principios do verán por un período de 15 días prorrogables. As demandas son atendidas en función da dispoñibilidade e, nesta ocasión, foi posible responder á totalidade das peticións chegadas desde a comarca arousán. A institución provincial presta as limpadoras e trasládaas ao punto acordado, onde se asina un acta de cesión. Os concellos encárganse da cabeza tractora e o combustible necesarios para arrastralas, así como do persoal necesario para a condución e da xestión de tódolos residuos. Asemade, a Administración local ocúpase, no seu caso, da reposición dos bens afectados e a obtención dos permisos. É fundamental, en todo o procedemento, respectar o contorno ambiental.

As máquinas limpa-praias, modelo Tauro-TE, teñen unha gran capacidade de tratamento e funcionan cuns "rodillos" e un sistema de cadeas que fai o cribado e aireado da area, retendo no proceso as cabichas, latas, plásticos e todo tipo de residuos, a nivel superficial e ata unha profundidade variable en función do axuste.