Noticias

As nenas e nenos que gañaron o concurso Xoga coas Manciñas "toman" o salón de plenos no Día Nacional das Linguas de Signos

A Deputación tingue de cor azul o Pazo provincial e únese a XOGA para conmemorar cos máis pequen@s "unha data en favor da igualdade, a inclusión e a diversidade"


14 xuño 2018
Celebración do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas

Con motivo da celebración do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto a deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, o deputado delegado de Cultura e Normalización Lingüística, Xosé Leal, a concelleira de Benestar Social, Anxos Riveiro, e a presidenta de XOGA, María Jesús Monterde, asistiu á entrega de premios do concurso provincial Xoga coas Manciñas, un certame para as nenas e os nenos da provincia dos dous ciclos de educación infantil, ata os 6 anos, no que tiveron que gravar un vídeo en lingua de signos dun conto ou canción dunha autora ou autor galega/o.

A presidenta da institución provincial destacou a importancia que ten a lingua de signos e insistiu en que "debemos de poder aprender a lingua de signos para que todas e todos sexamos máis felices, é unha forma marabillosa de comunicarnos".

Durante o acto, Carmela Silva fixo entrega do primeiro premio ao alumnado de 3 anos do CEIP Plurilingüe A Pedra (Bueu) polo conto cantado A princesa do Caurel. Pola súa banda, Anxos Riveiro entregou o segundo premio ás nenas e nenos de 2 anos da Escola Infantil Os Pitufos (Vigo) por O crocodilo. E, por último, o terceiro premio foi entregado por Digna Rivas ao alumnado de 0 a 3 anos das seis Escolas Infantís Integrais Dalila, no Morrazo, con A sinfonía de Uxía. Os vídeos gañadores foron proxectados por primeira vez durante esta presentación, que foi clausurada cunha interpretación musical de Uxía Lambona.

Tamén para conmemorar este Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, que se celebra cada 14 de xuño desde 2014 para recordar a data na que se constituíu a Confederación Estatal de Persoas Xordas, o Pazo provincial da Deputación permanecerá iluminado de cor azul turquesa ata mañá pola mañá. Este día é unha ocasión para lembrar o papel fundamental que xogan para a transmisión de ideas, a relación persoal e social e o intercambio de coñecemento. Por isto, o Goberno provincial uniuse aos actos organizados por XOGA, unha asociación de iniciativa social sen ánimo de lucro cuxa misión é defender os dereitos fundamentais, e así lograr mellorar a calidade de vida e benestar das persoas con diversidade funcional auditiva de Galicia.

Segundo datos da OMS, a xordeira afecta a máis do 5 % da poboación mundial, é dicir, a aproximadamente 360 millóns de persoas en todo o mundo, dos que 32 millóns son nenas e nenos. En España, a xordeira afecta ao redor dun millón de persoas (das que case o 72 % teñen máis de 65 anos). No que respecta á provincia de Pontevedra máis de 16.000 persoas viven con algún tipo de problema sensorial, das que a metade, unhas 8.000 persoas, contan cun problema auditivo.

Fotos

Vídeos