Noticias

As Neves reclama atención sanitaria eficiente.


03 xullo 2019
As Neves
Centro de Saúde

Na reunión celebrada, este luns 1 de xullo, entre o persoal do Centro de Saúde, o Alcalde e a Concelleira de Sanidade e Servizos Sociais, identificáronse as deficiencias de persoal médico que afectarán a atención a pacientes durante todo o verán.

Dos/as tres médicos/as coas que conta actualmente o cadro de persoal, só van prestar servizo dúas delas durante estes meses de verán, ao non ser substituído este persoal no seu período vacacional. Isto supón que as citas médicas van ser, como mínimo, duns 20 días a partir da súa petición.

Por outra banda, traerá como consecuencia que as veciñas e os veciños van ser atendidos/as por distintos facultativos/as, que, ademais, ocasiona un problema para ambas partes (descoñecemento da problemática do/a paciente e do seu historial, falla de seguimento na historia clínica, aumento de traballo no mesmo horario…).

O servizo de Pediatría non será substituído no mes de Xullo, sendo derivado á A Cañiza, na dirección contraria ao lugar onde se atopa o hospital de referencia, Vigo, o que supón unha perda considerable de tempo no caso dunha urxencia e un total contrasentido.

O persoal do Sergas puntualizou nesta reunión que "Este problema non é puntual por ser época de vacacións, senón que se ven repetindo desde fai varios meses, cando se produce a ausencia dun facultativo/a por outros motivos (solicitude de días de Libre disposición, baixas,..)"

O goberno municipal esixe do SERGAS que se dote o Servizo médico cos medios suficientes para atender a nosa veciñanza (que se incrementa nesta época estival) para que teña un servizo de saúde pública axeitado e de calidade.