As obras do Centro Social da Devesa, en Salceda, da man da Deputación completan a transformación do antigo Campo da Feira

O deputado Santos Héctor e a alcaldesa, Verónica Tourón, visitan unha actuación na que a Administración provincial achega 673.674 euros

30/08/2022

Visita ás obras do Centro Social da Devesa  

A “porta de entrada” a Salceda, a través do antigo Campo da Feira, completa a súa transformación da man da Deputación de Pontevedra. As obras do Centro Social da Devesa, cun orzamento total de 673.674 euros que a institución provincial financia na súa integridade (80% con cargo ao plan extraordinario ReacPon e o 20% restante a través das achegas do Plan Concellos), foron visitadas hoxe polo deputado de Cooperación, Santos Héctor, e a alcaldesa Verónica Tourón. Os traballos, con xa preto da metade executados, rematarán a principios do ano próximo.

A actuación serve tamén para pechar toda a peza urbanística da nova praza da Devesa, construída con cargo a outra achega de preto de 500.000 euros realizada no pasado mandato pola Deputación con cargo ao Plan DepoRemse. Unha obra que xa permitiu o embelecemento do antigo Campo da Feira e a creación, con criterios de calidade urbana, dun parque para a veciñanza e a infancia, ademais, da adecuación do espazo de aparcamento en superficie.

O novo Centro Social é un proxecto que pasa pola modernización dun inmoble que data de 1962 para cumprir non só toda a normativa en materia de accesibilidade, sostibilidade e eficiencia enerxética, senón para dar satisfacción ás necesidades sociais dun concello cun gran dinamismo, como demostran as preto de 50 asociacións culturais, deportivas e sociais existentes. Unha destas asociacións, a de Persoas Xubiladas, que conta con 600 socios/as, é unha das principais beneficiarias do Centro Social. A colaboración da Deputación fai posible, por tanto, que Salceda de Caselas poida acometer unha iniciativa dun importante calado económico e que, ademais, contribuirá a incrementar a cohesión social.

A actuación

A modernización do Centro Social de A Devesa comezou co baleirado integral do interior, deixando só os muros e a estrutura en pé. A partir de aí, a vella arquitectura está a dar paso a un interior accesible, máis saudable e concibido para o aforro enerxético. Crearase un vestíbulo principal no andar baixo para acceder con comodidade a un pequeno auditorio e unha zona de exposición exterior, ademais do almacén, sala de xuntas, cafetería, aseos.

Ademais, dotarase ao novo Centro Social de ascensor para eliminar as barreiras arquitectónicas ata o primeiro andar, onde haberá outra sala de xuntas, salas para o uso das asociacións e aseos. Ademais, renovaranse tódalas instalacións térmicas e a envolvente térmica será cambiada actuando no forxado baixo cuberta, nos trasdosados interiores, carpinterías exteriores e tamén baixo o futuro solado. Sobre a cuberta, que tamén será completamente renovada, instalaranse paneis fotovoltaicos para reducir a dependencia enerxética. Por último filtrarase a radiación de gas radón cunha barreira de protección e unha soleira ventilada. A reforma conclúe coa mellora do acceso ao edificio e a instalación de expositores luminosos na fachada.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.