Noticias

As Xornadas de Xenealoxía e Heráldica inclúen unha sesión no pazo de Oca

O deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, reivindicou a importancia do estudo da heráldica e dos brasóns como parte da historia e do patrimonio da provincia


05 4 2017
Heráldica

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, salientou durante a apertura das Xornadas de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia "a importancia de promover o estudo da heráldica, dos brasóns e dos escudos civís da provincia, porque é unha maneira de coñecer a nosa historia propia e de poñer en valor o noso patrimonio". Na sesión inaugural da décimo sétima edición destas xornadas acompañaron ao deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, a deputada de Emprego, Montse Magallanes, e o presidente da Asociación de Xenealoxía, Carlos Acuña.

Xosé Leal aproveitou a súa intervención para poñer de manifesto "a relevancia que neste ano dedicado ao patrimonio ten a arte en pedra, e nomeadamente, a nosa historia xenealóxica, que a través destas xornadas se pode coñecer de xeito técnico e rigoroso da man de expertos e estudosos nesta materia". Leal tamén fixo fincapé na importancia que desde o departamento provincial de Cultura e Lingua se lle concede á conservación patrimonial en todas as súas representacións. Esta edición conta, ademais, coa novidade de que inclúe unha sesión extra o vindeiro sábado pola tarde, que terá lugar no pazo de Oca, A Estrada. Ás 17:30 horas está previsto que José Florencio Rodríguez Montero-Valladares ofreza unha conferencia no Salón das Tullas sobre as labras heráldicas no pazo de Oca. Tras a conferencia, as persoas participantes realizarán unha visita guiada sobre heráldica polo propio pazo e polos seus xardíns. Esta sesión específica conta coa colaboración da Casa Ducal de Medinaceli, propietaria do pazo.

As Xornadas de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia comezaron esta tarde co relatorio de Carlos Acuña Rubio baixo o título "Liñaxes galaico-lusas nos pazos de fronteira", seguido da relatora Argentina Otero que falou sobre a pertinencia de que os guías interpreten a heráldica nas visitas guiadas. Na sesión de mañá xoves, César Novoa Alcaraz abordará o marco xurídico das labras heráldicas centenarias, mentres que Luis Valero de Bernabé y Martín de Eugenio falará sobre "A trazabilidade das vidas dos nosos devanceiros mediante os testemuños notariais e eclesiásticos". O venres presentaranse os últimos boletíns de Estudios de Genealogía, Heráldica y Nobiliaria de Galicia, e Xosé Carlos Fernández Díaz disertará sobre "Escudos non legalizados, ou ilegais, dos concellos da planta territorial de Galicia".