Areeiro aconsella extremar a vixilancia nas viñas co inicio do pintado da uva

A Estación Fitopatolóxicada Deputación sinala que, en caso de ter que aplicarse algún tratamento químico nas vides, haberá que facelo con produtos cun curto prazo de seguridade

06/08/2022

Mildio

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que aconsella continuar revisando as viñas no inicio do pintado da uva. Coa proximidade da vendima, no caso de ter que facerse algunha intervención de tipo químico nas vides, haberá que decantarse por produtos cun curto prazo de seguridade, tendo en conta que a súas adegas non estableceran xa un prazo de límite de tratamentos, nese caso, compre consultar os seus técnicos para que indiquen as solucións das patoloxías ou pragas.

No caso do mildio, as condicións climatolóxicas que se veñen rexistrando nas últimas semanas favoreceron a que as uvas de albariño chegasen á fase de pintado, pois xa están brillantes e comezando a abrandar. Consecuentemente, a sensibilidade do acio a este  patóxeno é mínima e os danos só afectarán as uvas máis atrasadas que aínda non se atopen neste estado. En canto ás outras partes verdes das plantas, será posible observar manchas de aceite nos brotes terminais, en especial naqueles casos nos que hai inoculo que non foi ben controlado. As previsións meteorolóxicas previstas para as vindeiras xornadas, anuncian tempo estable e temperaturas altas polo que convén non descoidar a vixilancia das vides para evitar potenciais defoliacións.

Co inicio do pintado, a sensibilidade da uva ó oídio é practicamente inexistente aínda que poden aparecer síntomas nalgunhas partes verdes das plantas. Co black rot sucede o mesmo, ó entrar na fase de pintado xa non hai risco de danos na uva e naquelas plantas que tiveran síntomas, as uvas terminaran co momificado característico desta patoloxía.  

Areeiro tamén remarca manter o control sobre as avelaíñas do acio a pesar de que debido as condicións climatolóxicas actuais non se rexistrasen novas penetracións larvarias. Pola contra, no caso dos cicadélidos, o persoal de Areeiro obtivo algunhas capturas de Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, nas mesmas viñas que a semana anterior e serán analizados para ver se conteñen o fitoplasma causante da enfermidade.

O tempo maioritariamente estable destes días sigue favorecendo a aparición de acios con síntomas de golpe de sol, de plantas con alteracións de madeira e da aparición de máis cepas con síntomas de estrés hídrico. Tamén compre resaltar que esta semana detectouse un repunte de erinose de verán.

Ligazóns de interese

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 26 resultados.