Areeiro ve posible un adianto da vendima por mor das concidións climatolóxicas actuais

O centro de investigación da Deputación destaca que na maioría das adegas xa non permiten aplicar tratamentos químicos ás persoas que lles proporcionen uvas

16/08/2022

botrite

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que pronostica un adianto do inicio da vendima debido as condicións climatolóxicas solleiras que se deron durante no mes de xullo e que continúan na actualidade. Por este motivo, as grandes adegas xa non permiten  aplicar tratamentos químicos nas vides dos viticultores que lles vaian a proporcionar uva. Areeiro tamén informa de que segundo as mostras de uva recollidas para analizar o grao alcohólico do viño, resultaron valores comprendidos entre os 6,73 graos e os 8,67 graos.

No que se refire ó mildio, tal e como se viña indicando ultimamente, xa non existe risco de que esta  infección dane directamente ó acio. Aínda así, nas viñas menos vigorosas ou con pouca frondosidade podería chegar a afectar indirectamente ou producirse unha defoliación pola aparición de manchas na folla, se fose así, podería aplicarse un tratamento cun produto que teña un prazo de seguridade de 15 días. No caso do oídio, o persoal de Areeiro  observou nalgunhas das súas plantas testemuña un incremento significativo de follas con síntomas deste patóxeno. Pese a que esta enfermidade xa non pode afectar á uva en fase de maduración, poderase realizar algunha actuación puntual si se estima necesario.

Por outra banda, a sensibilidade á botrite aumenta conforme se incrementa a concentración de azucre na uva. Se a isto lle sumamos unha elevada humidade, haberá máis probabilidade de que este patóxeno se instale en acios con feridas ou de variedades sensibles. Se a uva está en bo estado non é probable que se produzan danos importantes, pero, puntualmente, pode ser conveniente tratar con funxicidas antibotríticos cun prazo de seguridade de 14 días ou  con produtos naturais. Tamén se recomenda a vixilancia dos síntomas de golpe de sol, de plantas con alteracións de madeira, da aparición de máis cepas con síntomas de estrés hídrico, e do repunte de erinose de verán.

Areeiro tamén aconsella comprobar a evolución dos trips nas plantas, xa que avisa de que se atoparon síntomas de alimentación destes insectos en dúas viñas. Estes indicios apareceron nas follas, non aos acios, pero compre manter a vixilancia por si houbera que aplicar un tratamento. En canto ós ácaros, apuntan á observación de síntomas de acariose nas parcelas de seguimento aínda que a análise das mostras denota unha poboación relativamente importante de ácaros beneficiosos.

Posto que a vendima parece que se vai realizar antes do habitual, xa non se esperan danos directos por penetracións das eirugas de avelaíñas do acio. En caso de precisar unha intervención, existe no mercado unha feromona líquida para aplicar por pulverización. No caso dos cicadélidos, o persoal da Estación Fitopatolóxica, capturou esta semana algúns exemplares de Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada. As análises das primeiras mostras recollidas resultaron negativas, é dicir, ausencia do fitoplasma da flavescencia.

Ademais, Areeiro recomenda reiniciar o seguimento da bolboreta do buxo, aínda que de momento non sexa necesario tratar. No que respecta á procesionaria do piñeiro volveuse alcanzar o máximo número de capturas nas trampas, estas axudan a facer un seguimento da praga e a decidir cando intervir.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.