A Deputación lanza unha liña de axudas de 1,5 millóns de euros para implantar a agrocompostaxe

As subvencións, de ata 600.000 euros, ofrecen a empresas da provincia relacionadas co agro e o gando aproveitar os seus biorresiduos, os dos concellos, e utilizar o compost resultante para fertilizar o seu solo

24/08/2022

César Mosquera

A Deputación de Pontevedra, ao abeiro do Revitaliza, vén de abrir unha liña de axudas de 1,5 millóns de euros destinada a fomentar a agrocompostaxe en sinerxía cos biorresiduos municipais. Isto é, subvencionará empresas ou cooperativas relacionadas co agro ou o gando que aposten por aproveitar os seus biorresiduos, misturalos cos de orixe doméstica dos concellos, e despois darlle uso ao compost resultante para fertilizar os seus solos.

Segundo explicou hoxe o vicepresidente Mosquera, empresas ou cooperativas que produzan residuos agrogandeiros, silvícolas, vitivinícolas, hortofrutícolas, adegas ou similares, e que precisen utilizar fertilizantes, pódense sumar a esta iniciativa e recibirían subvencións para construír ou adaptar instalacións e adquirir maquinaria coas que realizar a agrocompostaxe.

O obxectivo é aproveitar sinerxías e solucionar o déficit que teñen este tipo de empresas para conseguir fertilizantes de boa calidade e, ademais, solucionar tamén o problema dos concellos para tratar os residuos orgánicos xerados pola poboación. Trátase dunha nova vía coa que tratar os residuos para as zonas máis densas nas que a opción é o colector marrón, dende o que despois hai que levar os biorresiduos a unha planta de maior ou menor tamaño. Ao abeiro do Revitaliza seguirase apostando por compostaxe en kilómetro cero mediante composteiros comunitarios e individuais.

Nestes momentos, lembrou Mosquera, existen xa varias plantas de compostaxe en activo, mais o que se pretende coa agrocompostaxe  é acurtar o círculo actual de levar os biorresiduos a unha planta, producir o compost, distribución, saída ao mercado e compra do compost por parte do produtor agrogandeiro .

Coa nova fórmula, explica Mosquera, “pechamos o círculo e damos un salto adiante para o tratamento de residuos municipais na dirección máis eficiente e avanzada que se pode facer” porque o sector agrogandeiro sería o inicio e o destino dos biorresiduos e o produto final sen intermediarios. “É o método que mellor funciona no mundo”, salientou, “porque alía a quen produce biorresiduos e está interesado en utilizar o compost”.

Xa houbo un intento por parte da Deputación de poñer en marcha este modelo –denominado austríaco- mais  por problemas administrativos que agora quedan superados pola nova normativa de residuos non saíu adiante. Agárdase unha boa receptividade por parte do sector e, no caso de esgotarse o crédito, valoraríase unha nova inxección de fondos para atender todas as solicitudes. Nesta primeira fase, o máximo de axuda a un proxecto sería do 75% do proxecto e nunca máis de 600.000 euros.

Habería varios condicionantes para que as empresas ou cooperativas percibisen as subvencións: o primeiro achegar parte dos seus biorresiduos, o segundo utilizar residuos municipais domésticos e o terceiro utilizar o compost resultante por necesidade da súa actividade. Tamén se esixe unha garantía, que a pureza dos biorresiduos a utilizar ten que ser moi elevada para xerar un fertilizante de moi boa calidade. Por outra parte, as entidades solicitantes deben ter unha facturación media nos tres últimos anos igual ou superior a 500.000 euros.

Nestes momentos estanse a xirar cartas informativas a boa parte das empresas do sector agrogandeiro na provincia para informar da iniciativa. Segundo apuntou Mosquera, esta vía da agrocompostaxe non sería viable para ámbitos non masivos como poderían ser Vigo ou Pontevedra que precisarían de macroplantas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.