A Deputación concede máis de 16.000 € para restaurar o galeón Luisa III e a traiñeira Os-Tras’ e destinalas a promocionar a cultura mariñeira

O Club Mariño A Reiboa de Poio e a Asociación Remare Insieme de Pontevedra obtiveron boas puntuacións na Liña de axudas para a recuperación do Patrimonio Marítimo Fluvial

31/08/2022

Subvencións Marítimo Fluviales

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Patrimonio, vén de conceder máis de 16.000 euros en axudas para restaurar dúas embarcacións tradicionais na comarca de Pontevedra que se destinarán á promoción da cultura mariñeira en diferentes ámbitos. O Club Mariño A Reiboa de Poio e a Asociación Remare Insieme de Pontevedra obtiveron sendas subvencións da liña Recuperación e posta en Valor do Patrimonio Marítimo Fluvial que en toda a provincia chegou a 21 entidades beneficiarias.

A deputada responsable da área, María Ortega, subliña que o interese pola recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo fluvial e polas axudas foi crecente dende a creación destas. Destacou  que no 2020 –ano no que se puxeron en marcha- as subvencións chegaron  a 14 colectivos e repartiron algo máis de 100.000 euros, mentres que en 2021 chegaron a 16 asociación e repartiron uns 128.000 euros. Neste ano, no total da provincia a liña de axudas deu financiamento a colectivos, principalmente localizados no Salnés (9), pero tamén en Pontevedra (2), Baixo Miño (1), Morrazo (2), Deza (2) e Vigo (5).

No caso do galeón ‘Luisa III’ a subvención destinarase a completar a fonda reparación con melloras estruturais e o arranxo do mastro que xa se realizara en 2020 grazas tamén á axuda da Deputación. Entón deixárase pendente a instalación eléctrica e de navegación, que estaba deteriorada, e agora mellorarase para redundar na seguridade.

O ‘Luisa III’ é propiedade da Asociación de Veciños Boureante e foi cedido ao CM Reiboa mediante alugueiro. Fora construído en 1981 para uso particular e foi un dos primeiros galeóns recuperado para uso social. Participou en todas as edicións do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, sendo durante moito tempo a embarcación de máis tamaño. Utilizarase para a iniciación á navegación tradicional, así como para actividades de navegación inclusiva, xa que permite con moi poucas adaptacións a súa utilización por parte de persoas con diversidade funcional, dende invidentes ata persoas en cadeira de rodas.

No caso da traiñeira ‘Os-Tras’, a embarcación non será para disputar as tradicionais bandeiras de traiñeiras, senón para usos recreativos e culturais. A propiedade actual é da Asociación Remar Insieme (Remando Xuntos), que quere rehabilitala integramente adaptando as súas características ao seu uso por público non relacionado co mundo mariñeiro. Pretende  facer formación e dinamización con travesías, principalmente o Camiño de Santiago a remo polas Rías Baixas con público de escolas, universidade e incluso colectivos da terceira idade relacionados co mundo do remo e do mar.

En canto á historia da traiñeira, explican que foi construída polo famoso estaleiro Icaceta de Orio para a Sociedade Deportiva de Remo Estaleiro e foi estreada en 1981 na V Bandeira Sotileza, competición que gañou ao ano seguinte. Finalmente, foi mercada polo Círculo Deportivo de Cesantes no 1987 e dende entón participou nas competicións galegas e podíase ver nos adestramentos preto da Illa de San Simón.

Musealización e promoción sociocultural

Entre as actuacións que podían recibir axuda económica da Deputación están os traballos de rehabilitación en embarcacións co fin de recuperar o seu carácter orixinal ou de manter elementos estruturais que permitan o mantemento da embarcación; así como accesorios e equipamento das embarcacións que fosen de investimento (baterías, motor, depósitos, aparellos, velas, obenques, quilla, drizas, equipamento de salvamento…), sempre destinándose a actividades de promoción sociocultural ou musealización, encaixados na Liña 1 das subvencións.

Outras das actuacións subvencionadas (Liña 2) son as obras de restauración e conservación de artes e aparellos de pesca e marisqueo tradicionais, ferramentas e maquinaria, instrumental de navegación, útiles de comunicación e sinalización, cordoería, artesanía e demais elementos vinculados á cultura marítima e fluvial, todos eles destinados a actividades de musealización ou difusión social e cultural.

Tamén se fomentan axudas (Liña 3) para intervencións realizadas sobre construcións e instalacións de terra (almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras), mostras da arquitectura industrial e popular marítimo fluvial na provincia, para seren reconvertidas en espazos culturais. Por primeira vez nesta edición presentáronse proxectos para esta terceira liña, sendo beneficiarias dúas entidades da comarca do Deza para a rehabilitación dun muíño e para a musealización dun espazo destinado ao Patrimonio marítimo fluvial en Lalín.