Baiona acolle unha nova actuación de “Música no Ar” a cargo do Trío Bórea

O Xardín da Casa das Navegacións será o escenario que o venres 9 a partir das 19:00 horas albergará o concerto desta agrupación musical de cámara

05/09/2022

O venres 9 de setembro O Xardín da Casa das Navegacións de Baiona será o espazo que acollera ó Trío Bórea a partir das 19:00 horas nunha nova actuación da terceira edición do programa “Música no Ar”, que a Deputación de Pontevedra ten en marcha co obxectivo de levar a música clásica a espazos patrimoniais da provincia como pazos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos e espazos protexidos cheos de maxia e historia. As persoas interesadas en acudir a esta cita poderán asistir sen reserva, xa que a entrada é libre ata completar aforo.

Este trío musical, é un grupo de cámara composto por: Clara Mascaró (viola), Julia Caro (violonchelo) e Brais González (piano). Esta agrupación foi fundada co obxectivo de explorar o progreso de novos modelos de interacción co público e desenvolver novas experiencias a través dos medios dixitais aplicados á música clásica. En 2020 o grupo recibiu unha bolsa do Concello de Salzburgo para desenvolver o seu proxecto “Alte Liebe”. Trátase dunha experiencia de concerto interactiva baseada na vida de tres das figuras máis importantes do Romanticismo alemán: Robert Schumann, Clara Schumann e Johannes Brahms. Unha viaxe musical e narrativa construída a partir da literatura epistolar existente entre os tres na que a música de cámara se mestura coas novas tecnoloxías, a creación audiovisual, a música electrónica e coa representación escénica.

O fío condutor do espectáculo son tres ciclos de lieder de cada un dos compositores: os Lieder, op. 13 de Clara Schumann, o Dichterliebe de Robert Schumann e os Vier Ernste Gesänge de Johannes Brahms. O programa de concertos tamén será interactivo, e dicir, través das redes sociais do grupo, o público poderá elixir a orde das pezas para interpretar e descubrir información histórica sobre os compositores.

“Música no Ar”, enmarcado no amplo programa da Deputación, “Con-Fiando Cultura” ten como meta promover e garantir o acceso igualitario á cultura para todos e todas, amais de por en valor espazos da memoria, da arte e da identidade.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 15 resultados.