Noticias

Baiona benefíciase das obras realizadas na avenida de Sabarís co modelo de mobilidade segura promovido polo Plan Deporemse da Deputación de Pontevedra

O deputado provincial Santos Héctor e o alcalde, Carlos Gómez, visitaron a actuación, onde se realizou un investimento de 242.000 euros


12 agosto 2020
Deporemse Baiona

As obras realizadas na avenida urbana de Sabarís, en Baiona, unha das zonas de maior tránsito do centro da vila, para adaptalas ao modelo de mobilidade segura da Deputación, no que prima a accesibilidade peonil, foron cualificadas como un acerto polo deputado provincial Santos Héctor durante a visita que realizou, acompañado polo alcalde, Carlos Gómez. A actuación fixo posible a humanización integral do espazo urbano no que se sitúan puntos de encontro como o Centro de Día, a Escola de Educación Infantil O Areal, o parque infantil e a praia da Ladeira. Agora, tralo investimento de 242.000 euros con cargo ao Plan DepoRemse, a convivencia entre peóns e vehículos resulta máis acaída e acorde coa imaxe dunha Baiona amable e moderna.

A reforma, xa en servizo, incluíu a rehabilitación do firme, substitución do pavimento das beirarrúas e a completa renovación da iluminación, cambiando as lámpadas existentes no viario por outras con tecnoloxía LED. Así mesmo, instaláronse cinco novas marquesiñas e báculos e novos farois nos pasos de peóns sobreelevados. Ademais, adaptáronse os pasos peonís ás normativas de accesibilidade e recomendacións das guías técnicas e se incorporou un novo paso. Por último, as obras incluíron tamén a mellora da sinalización.

Estes traballos enmárcanse, como destacou o deputado provincial Santos Héctor, no proxecto integral de mobilidade que está a desenvolver a Deputación de Pontevedra baixo a premisa de garantir a seguridade, a accesibilidade e a recuperación de viarios e espazos públicos para as persoas. "Temos un modelo co que estamos a cambiar o noso territorio –destacou– co que estamos a investir en toda a provincia, para acadar unhas estradas e uns espazos públicos do século XXI no que o máis importante son as persoas". Un modelo no que ademais prima a filosofía de "equidade, criterios obxectivos e apoio á autonomía local", tal e como amosa a institución provincial en todos os seus programas, tanto o Plan Concellos como nos planes extraordinarios como o citado DepoRemse, que se adxudican en base a puntuacións obxectivas e criterios técnicos. En concreto, este plan financia un total de 31 obras de seguridade viaria en vías de titularidade municipal noutros tantos concellos. A pandemia de COVID-19 motivou que a Deputación acordase unha prórroga extraordinaria para o prazo de finalización, que agora quedou fixada no 31 de maio, 11 meses máis que o orixinal.

Santos fixo balance das actuacións da Deputación en Baiona desde o 2015 e destacou neste senso que o concello ten recibido un investimento de 8.089.250 euros, dos que boa parte corresponden ao Plan Concellos. Neste ano está a recibir 648.449,07 euros deste plan provincial. Ata o momento, o Concello foi quen de executar 27 obras; financiar 7 actividades socioculturais propias e contratar a 129 persoas traballadoras con cargo ao Plan Concellos. A maiores, Baiona beneficiouse desta mellora no seu viario rural con cargo ao DepoRemse.