O turismo na provincia de Pontevedra outra vez de récord esta Semana Santa cunha ocupación media do 80% e superando os rexistros do 2019

Os espectaculares datos supoñen vinte puntos máis do previsto para establecementos hoteleiros e doce puntos máis para vivendas turísticas

21/04/2022

Esta Semana Santa a afluencia de visitantes e turistas volveu bater récords na provincia de Pontevedra, chegando a rexistrar unha ocupación media do 80% nos establecementos hoteleiros que mesmo superou os rexistros do 2019. Os espectaculares datos que recolle o Observatorio de Turismo da Deputación de Pontevedra supoñen vinte puntos máis do previsto para establecementos hoteleiros e dez puntos máis para vivendas turísticas, chegando a ser, nalgunhas localidades, un 15% superiores á Semana Santa do 2019.Nos establecementos de turismo rural a porcentaxe situouse en toda a provincia por riba do 70%, mantendo a cifra estimada antes dos festivos.

A comarca que rexistrou a maior porcentaxe de ocupación en establecementos hoteleiros foi a de Vigo, que superou o 80%. Neste comarca destacan os resultados da cidade de Vigo que se situaron entre o 85 e o 90% ou os de Baiona que chegaron ao 80%. Sigue á comarca viguesa a do Morrazo, que chegou ao 78% e a do Salnés que superou o 76%. Neste último caso, concellos como O Grove superaron o 86% de ocupación hoteleira e Sanxenxo rexistrou mesmo o 87% en hoteis de maior número de estrelas. No caso da comarca de Caldas a porcentaxe situouse no 74% e na de Pontevedra no 73, superando o 85 en cidades como Pontevedra. As comarcas do Condado e da Paradanta chegaron ao 72%, O Baixo Miño ao 70% e Deza e Terra de Montes rozou o 65%.

Pola súa banda, nas vivendas turísticas da provincia a ocupación foi tamén mellor do previsto, superando o 92% o que supón 12 puntos máis que o estimado antes da Semana Santa. Esta porcentaxe media provincial foi superada en localidades como Sanxenxo ou Cangas que chegou ao 100% entre o xoves e o domingo. Nestes establecementos aloxáronse principalmente persoas de Asturias, Castela e León e do Norte de Portugal.

En canto aos establecementos de turismo rural a ocupación chegou ao 70% de media na provincia de Pontevedra, sendo de case o 100% no Baixo Miño, do 73% na comarca de Caldas, do 71% no Salnés, do 70% no Morrazo, do 68% na comarca de Pontevedra, do 60% na de Vigo, do 65% no Condado e A Paradanta e do 58% en Deza e Terra de Montes.

Castelos e persoas visitantes

Durante a Semana Santa achegáronse aos castelos musealizados pola Deputación de Pontevedra na provincia 1.884 persoas. 1434, 144 máis que no 2021, fixérono a Soutomaior e 450 acudiron ao castelo de Sobroso, que estreou musealización dixital, esgotando todas as prazas para desfrutar das xornadas de portas abertas.  A fortaleza do Condado volverá a abrir as portas ás visitas nos primeiros días de maio.

En canto ás persoas que visitaron o destino Pontevedra Provincia durante a Semana Santa do 2022 proviñan principalmente do Estado e en concreto de Madrid, Vizcaya e Barcelona. En canto ás/aos turistas estranxeiros procederon de Portugal, Alemaña, Francia, Colombia, Estados Unidos e Reino Unido. Todas e todos eles tiñan maioritariamente entre 35 e 60 anos, aloxáronse en hoteis durante 4 e 6 días e acudían á provincia motivadas por aspectos relacionados coa cultura.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.