Noticias

A nosa lingua, elemento central das actividades de "Dándolle á Lingua" en Barro


08 maio 2019
Barro
Programa Dándolle á lingua en Barro

Este sábado dan comezo as actuacións do programa "Dándolle á lingua" en Barro, coa sesión final do ‘Obradoiro de contacontos', impartido por María da Pontragha. Un ano máis, este programa ten como obxectivo dinamizar o uso da nosa lingua oral nas súas diversas formas.

Durante os meses de maio e xuño vanse celebrar unha serie obradoiros gratuítos en varios espazos (na Biblioteca Municipal, no IES de Barro e no CEIP Amor Ruibal), dirixidos a diferentes públicos do concello segundo a temática: ‘Obradoiro de contacontos', impartido por María da Pontragha, ‘Creación poética. Minirecital poético-musical', impartido por Lois Pérez Díaz, ‘Cantar historias, contar historias', impartido por Antón Castro, ‘Obradoiro de narración oral', de Paula Carballeira.

Todos estes obradoiros van rematar cunha actuación final por parte das persoas inscritas nos mesmos e teñen como obxectivo transmitir e recuperar historias, contos e narracións na nosa lingua.

Dentro de "Dándolle á lingua", está prevista a lectura das obras premiadas da nova edición do concurso literario Os contos que contan, o próximo 16 de maio, para conmemorar as Letras Galegas.

Como remate da programación, terá lugar a actuación ‘Xa que o sabes, voucho contar', por parte de Quico Cadaval e Celso Fernández, no Pazo da Crega.