Noticias

Barro aprobará un forte incremento no gasto social e manterá o apoio ao asentamento de empresas.


24 novembro 2020
Barro

O orzamento para 2021, que ascende a 2.505.200,00 de euros, caracterízase por primeira vez en máis de vinte anos pola ausencia de contías para o pagamento da débeda, xa que se procedeu á súa cancelación total en 2020.

O feito de adiantar o pagamento da débeda permite  un forte incremento do gasto social, cada vez máis necesario debido á situación que estamos a vivir, asegurar a prestación dos servizos públicos con garantías e a creación dun novo posto de traballo de administrativo/a debido á alta carga de traballo nas oficinas municipais, mantendo o equilibrio nas contas e o rigor no gasto.

Un ano máis volven a conxelarse os impostos e taxas municipais, e prevese a bonificación da taxa do lixo aos negocios que teñan que estar pechados por causas como a pandemia que estamos a vivir.

Por unha banda búscase non gravar aínda máis as economías familiares, e por outra increméntanse os recursos para atender as persoas que máis están a sufrir a situación social e económica que vivimos, mantendo o equilibrio nas contas.

A partida económica para a Atención Social increméntase un ano máis de forma considerable, chegando aos 512.200 euros; o que supón un 16% (71.000 euros) máis que no exercicio anterior; e ademais de seguir apostando pola mellora dos servizos básicos, pola dinamización da vida sociocultural do Concello e a promoción económica, neste orzamento faise un esforzo especial na promoción do emprego, cun aumento de 35.000 euros.

Tamén se mantén o apoio ao asentamento de empresas no polígono de Outeda-Curro, cunha partida de máis de 100.000 euros, que se van investir en financiar parte dos custos do abastecemento de auga e do saneamento, rebaixando de maneira importante os custos que teñen que asumir as empresas por estes servizos e tamén en gastos de mantemento do polígono.

O Goberno Municipal sigue traballando para elaborar ano a ano uns orzamentos baseados no rigor, o control do gasto público, a procura da eficiencia e a eficacia na xestión municipal, mantendo ao mesmo tempo a mellora dos servizos públicos que axuden a mellorar a vida dos veciños e veciñas.

En canto aos investimentos para o ano 2021, ademais dos que serán financiados polo Plan Concellos da Deputación e os 60.000 euros previstos no orzamento, tamén se vai a investir en obras financiadas con cargo ao superávit municipal, dentro das posibilidades que permite a nova normativa do Estado, sen chegar a pór en perigo a liquidez económica do concello, que nos permite pagar as facturas de empresas e provedores moi por debaixo do prazo legal que marca a lexislación.