Noticias

Barro inviste 76.000 euros en levar o saneamento ao lugar de Güimil e mellorar a depuradora da Portela


11 xaneiro 2021
Barro

Seguindo co obxectivo de chegar co servizo de saneamento a máis lugares, o concello de Barro está executando un proxecto para dar servizo ao lugar de Güimil, na parroquia de Agudelo e a varias casas do lugar de Outeda, na parroquia de Curro.

Este proxecto de ampliación da rede de saneamento conta cun orzamento de 51.511,90 euros e foi adxudicado á empresa Construcións Caldevergazo S.L., por ser a que presentou a mellor oferta.

Ao mesmo tempo, estanse realizando obras na depuradora da Portela para mellorar o seu funcionamento. Estas obras consisten na instalación dun sistema de tratamento previo que vai garantir que esta depuradora que na actualidade dá servizo a varios lugares das parroquias da Portela, Curro e Agudelo, funcione de maneira óptima.

As obras para a mellora desta depuradora de augas residuais contan cun orzamento de 25.000 euros e están sendo executadas pola empresa Garocaprim S.L.

O Goberno municipal continúa dando pasos para chegar co saneamento á maior cantidade de vivendas posibles, tanto é así que Concello de Barro está traballando na construción dunha nova depuradora central, que dará servizo á maior parte do concello. Nos vinceiros meses sairá a concurso público a redacción do proxecto desta nova estación de tratamento de augas residuais, para a cal o concello xa ten comprados os terreos no lugar do Carballal.