Noticias

Barro pon en marcha un novo taller de memoria adaptado á actual situación sanitaria en colaboración coa Cruz Vermella


15 outubro 2020
Barro

O novo taller de memoria que deu comezo no Concello de Barro supón a continuidade do curso celebrado no ano 2019 e que estaba previsto que tivera dúas novas edicións durante este ano 2020. A pandemia que estamos padecendo obrigou a mudar o desenvolvemento habitual para adaptalo a esta nova situación, de tal xeito que esta nova etapa do curso será de xeito individualizado.

Neste taller están participando vinte persoas, as cales xa formaran parte da primeira edición. As participantes tiveron unha entrevista persoal coas coordinadoras do curso na que se lles entregou material e se lles deron as pautas para traballar con el.

A duración desta actividade será e dous meses e durante este tempo levaranse a cabo outras entrevistas personalizadas para facer o seguimento dos traballos realizados polas persoas participantes e ao mesmo tempo aclarar dúbidas e dar pautas dun xeito persoal e directo co obxectivo de sacarlle o maior rendemento posible a este curso.

Para o Concello de Barro poder manter esta actividade a pesar da crise sanitaria na que nos encontramos é moi importante,  xa que estas actividades de estimulación cognitiva aportan enormes beneficios e contribúen a minimizar os efectos negativos do paso do tempo sobre a capacidade de memoria das persoas.