Noticias

Comezan en Barro os traballos de escavación e posta en valor do castro do monte Güimil


09 xuño 2021
Barro
Foto de excavación

O pasado luns deron comezo os primeiros traballos de escavación e posta en valor do castro do monte Güimil, na parroquia de agudelo. Unha actuación que se complementa co proxecto xa rematado de creación dun parque forestal en todo este entorno cargado dun altísimo valor patrimonial, natural e paisaxístico.

Esta actuación arqueolóxica é o primeiro paso do concello de Barro para pór en valor toda a riqueza arqueolóxica deste enclave, que se estima que teña unha dimensión de entre 5 e 6 hectáreas e que esta datado no século I a.C.

A súa grande dimensión, a súa posición estratréxica para controlar a vía romana XIX e para ter control visual dunha parte moi ampla do territoio, chegando mesmo á Ría de Arousa, outórganlle a este castro a condición de lugar central do que dependerían unha serie de castros máis pequenos e fan pensar que podería ter desenvolvido un papel central de distribución de materiais, polo que se espera que os resultados finais da escavación dunha vivenda do castro sexan un éxito.

O concello de Barro conta para esta actuación cunha subvención da Deputación de Pontevedra para a Rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico-cultural por valor de 5.433,13 euros.

Para o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández abraldes, esta actuación "é realmente significativa, porque vimos de facer realidade un desexo de moi boa parte da veciñanza e porque este é o primeiro paso para pouco a pouco ir poñendo en valor e dando a coñecer este espazo marabilloso tanto a nivel patrimonial como natural e paisaxístico".