Noticias

O Concello de Barro aproba o convenio coa Deputación para a humanización da Praza do San Amaro


26 novembro 2020
Barro

No Pleno celebrado na tarde de onte, ademais de aprobar os orzamentos para o ano 2021, a corporación tamén aprobou un convenio coa Deputación de Pontevedra para a remodelación integral da Praza do San Amaro.

A actuación de recuperación e humanización deste espazo tan deteriorado, e onde é necesario garantir a seguridade dos peóns que se moven nese entorno, conta cun orzamento de 303.282,07 euros e será financiada nun 70% pola Deputación e nun 30% polo Concello, con cargo ao Plan Concellos 2021.

Ao tratarse dun cruce de viais que forma parte do Camiño Portugués a Santiago de Compostela, son centos de persoas as que se moven nese lugar a diario, xa que é o primeiro contacto que teñen os peregrinos coa trama urbana do noso concello e onde se atopan cos primeiros locais de hostalaría.

Esta remodelación é unha das demandas que o Alcalde fixo á Deputación de Pontevedra no ano 2016 para mellorar a seguridade de toda a xente que se move nesa zona e dignificar o entorno patrimonial no que se atopa a praza.

Nesta sesión do pleno tamén se acordou dirixirse á Xunta de Galicia para que incorporen unha partida nos orzamentos do 2021 para a construción dun novo centro de saúde en Barro.

Outros dos puntos que tamén se aprobaron neste Pleno foron a modificación da ordenanza da taxa da recollida do lixo para que os establecementos que tiveran que pechar por causa da pandemia non teñan que pagar durante eses meses; a modificación puntual nº3 do PXOM, referida a novos accesos ao lugar de Valbón, co obxectivo de mellorar a comunicación dese lugar e o Camiño de Santiago co núcleo de Santo Antoniño e o inicio da contratación da xestión do ciclo da auga do polígono de Outeda-Curro.