Noticias

O Concello de Barro inaugurará a piscina municipal este venres


18 xullo 2019
Barro
Piscina de Barro

Este venres 19 de xullo Barro inaugurará a súa piscina municipal despois de teren concluído as obras da mesma esta mesma semana. Este proxecto que conta co financiamento da Deputación de Pontevedra dentro do Plan de Reequilibrio, tiña un orzamento inicial de 358.488,72€, dos que se pagaron á empresa construtora despois do modificado realizado e á baixa económica da licitación un total de 339.921,87€.

O equipamento está dotado de dúas piscinas, unha delas de 250 metros cadrados de lámina de auga e a outra, pensada para os máis cativos, con 48 metros cadrados de superficie. Ademais, haberá un edificio de servizos con locais destinados a cafetería, vestiarios, socorristas e almacén. A parcela da piscina conta con máis de 1.500 metros cadrados de céspede.

O feito de rematar as obras deste equipamento xa entrado o verán obriga ao Concello a poñelo en funcionamento sen axustar o regulamento de uso do mesmo no que se refire a horarios de apertura e ao control de acceso. Estes aspectos poderán modificarse e serán aprobados definitivamente para os anos vindeiros unha vez se teña a experiencia de funcionamento do que resta de verán.

O acto de inauguración será ás 17h en el participarán ademais do Alcalde de Barro, a Presidenta da Deputación Carmela Silva.

Para Abraldes "este proxecto que agora se fai realidade vén dotar a Barro dun equipamento que hai máis de vinte anos que se viña demandando polo conxunto da veciñanza". O Alcalde, ademais, engadiu que a piscina "será un espazo máis para nuclear a vida social do municipio nos meses de verán e permitir que os veciños e veciñas de Barro non teñan que desprazarse fóra de Barro buscando este tipo de equipamentos".