Noticias

O concello de Barro reúnese co sector da hostalería e do comercio para trasladarlles as liñas de apoio para a reactivación do consumo


28 maio 2020
Barro
Reunión do comercio e hostalería

O Concello de Barro mantivo durante as pasadas semanas varias reunións con hostaleiros/as e comerciantes do concello para escoitar as súas demandas e exporlles as liñas de actuación que porá en marcha o goberno municipal para axudar á reactivación do consumo no concello.

Nestas reunións, que se realizaron en pequenos grupos, tal e como marcan as directrices sanitarias, mantívose contacto cun amplo número de persoas do sector da hostalería e do comercio, que lles trasladaron a súa preocupación pola situación económica que se está a vivir con motivo da crise sanitaria que vivimos. Desde o goberno municipal trasladóuselles cales son as competencias do concello nesta materia e en que ámbito de actuación se pode traballar para potenciar o consumo no comercio local.

As diferentes liñas de traballo xiran entre dous puntos importantes, por unha banda a seguridade; na que xa se leva traballando desde o primeiro momento distribuíndo entre a poboación e tamén entre o establecementos material de protección. O concello repartiu entre os establecementos diverso material de protección: xel hidroalcólico, máscaras, pantallas e material de carteleira.

O obxectivo e trasladar a maior sensación de seguridade posible, posto que o feito de que a veciñanza se sinta o máis segura facilitará a reactivación do consumo nos locais do concello.

Outro dos puntos nos que se traballa é na elaboración de campañas que estimulen o comercio local e que potencien as compras de proximidade.

Así mesmo,  trasladouse a posibilidade de realizar cursos entre o sector do comercio que lle permita adquirir novos coñecementos para a atención e posicionamento dixital dos seus negocios.

Outra das iniciativas que tiveron boa acollida foi a de realización dunha guía de establecementos e profesionais do concello que este a disposición da cidadanía para que poida recorrer a eles en caso de necesidade, sen ter que acudir a outros de fóra do concello.

Como consecuencia das reunións, unha das ideas que xurdiu foi a necesidade de que este sector estea organizado para facilitar a colaboración a través dunha asociación de comerciantes, proposta que valoraron como positiva e máis nas circunstancias que estamos a vivir.