Noticias

O mercado de Barro retoma este domingo a súa actividade


10 xuño 2021
Barro

O mercado municipal de Barro, que se celebra no Santo Antoniño, reabre este domingo día 13 logo da súa suspensión pola situación sanitaria. Dada a evolución da pandemia e xunto coas novas medidas marcadas pola Xunta de Galicia o Goberno municipal decidiu retomar a actividade deste evento dominical xa consolidado no noso concello.

As actuais restricións epidemiolóxicas permiten retomar a actividade sen ter que limitar o número de vendedores que asisten habitualmente a este mercado.

O concello de Barro fai un chamamento a que a asistencia a este evento se faga respectando as normas sanitarias ditadas polas autoridades, sendo de primordial cumprimento o uso de máscara, manter a distancia de seguranza e evitar as aglomeracións.