Noticias

O Pleno do Concello de Barro aprobou a súa adhesión ao Pacto de Alcaldes Polo Clima e a Enerxía, o maior movemento mundial de autoridades para loitar contra o cambio climático

O Concello de Barro ven de acordar en pleno a súa adhesión ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, asumindo así os compromisos da Unión Europea en materia de clima e enerxía para o ano 2030


01 abril 2019
Barro
Concello de Barro

O Pacto foi lanzado en Europa no ano 2008, e implica xa a case 8.000 autoridades locais pertencentes a 57 países de todo  o  mundo,  está  coordinado  en  Galicia  pola  Xunta,  a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Ademais, coa adhesión ao Pacto, o Concello de Barro contribúe á consecución da Axenda 2030, un chamamento universal desenvolvido polas Nación Unidas para acadar un mundo máis xusto e sustentable.

A adhesión ao Pacto dos Alcaldes, implica a adopción dun Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible que inclúe medidas para o freo do cambio climático, consistentes na redución  de   consumos  enerxéticos  e  a  substitución  de enerxías fósiles por renovables, reducindo así a pegada de carbono do municipio.

Ademais, o Plan de Acción implica o deseño de medidas de adaptación ao cambio climático, preparando así ao concello de Barro para facer fronte aos riscos e vulnerabilidades aparellados a este proceso.

O concello ten un prazo de dous anos, contado a partir da data do acordo municipal de adhesión ao Pacto, para aprobar este Plan de Acción. Despois, cada dous anos, terá que dar conta dos seus avances na procura dos obxectivos previstos para o 2030.

Para acompañar tanto a elaboración do Plan de Acción como da súa implementación, o concello contará co apoio da oficina técnica do Pacto dos Alcaldes, posta a disposición dos 313 concellos galegos pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Esta oficina, a través do Centro de Asistencia aos Concellos e do Observatorio de Fondos e Convocatorias, realizará un asesoramento personalizado ao Concello de Barro, tanto na elaboración do Plan de Acción como na súa implementación.

Con este paso, o Concello de Barro intégrase no maior movemento mundial de autoridades para a loita contra o cambio climático.