Noticias

Berta Fernández Rosón desbota os estereotipos "de vítima, heroína e muller pacífica que se adoitan outorgar ás mulleres nos contextos de guerra"

A consultora legal en Dereito de Asilo e Refuxio en Stop Mare Mortum participa na xornada Muller e Poder da Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación


03 abril 2019
Berta Fernández Roson

A consultora legal en Dereito de Asilo e Refuxio en Stop Mare Mortum, Berta Fernández Rosón, participou esta mañá na xornada Muller e Poder da Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra no castelo de Soutomaior. Durante a súa conferencia "Mulleres e guerra: redes invisibles de poder", a relatora abordou o papel que desenvolven as mulleres nas zonas de conflito, ao tempo que identificou os distintos estereotipos que se perpetúan nas políticas internacionais e nos medios.

Fernández Rosón comezou a súa conferencia cun xogo. "Que imaxe vén á cabeza cando proxecto as seguintes palabras: mulleres e guerra?". Este mesmo reto lanzouno por redes sociais, a través das que puido identificar que o imaxinario popular debuxa a figura da "muller vítima" e da "muller heroica". No primeiro caso, "unha imaxe moi enraizada, unha vítima danada, vulnerable, migrante, pasiva, forzada, maltratada, fráxil e cun rol principal, que é o de coidadora". Así o explicou Fernández Rosón, antes de definir o rol de "muller heroica". Un papel que, para ela, mostra unha imaxe "estereotipada, afastada e pouco actualizada, no que as mulleres están soas e non organizadas". "Fronte a esta visión dicotómica, non existen recursos para darlle visibilidade ás mulleres que se sitúan nese espazo do medio", salientou a relatora.

Porén, e tal e como apuntou Fernández Rosón, estes non son os únicos estereotipos que afectan ás mulleres en zonas de conflito. Tamén cabe salientar á configuración "da muller pacífica como construtora de paz". "Móstrase unha muller sensible, paciente e caritativa que ten a maternidade como elemento definitorio. Esta visión temos que superala porque non podemos falar de mulleres como nais sensibles, senón como suxeitos autónomos, e nós non podemos perpetuar este discurso", explicou a relatora.

Despois da súa exposición dos estereotipos, Fernández Rosón quixo facer fincapé nas importancia das políticas internacionais. "O problema de que estes roles sirvan como inspiración para esa clase de políticas está en que condena as mulleres á marxe, inhabilitándoas e ocultando as súas redes sociais de poder", puntualizou a relatora. Tamén engadiu que "a linguaxe na que están redactados eses documentos perpetua ditos estereotipos e mantén ás mulleres nunha posición de submisión". Por iso, Fernández Rosón reivindicou programas que apliquen unha perspectiva de xénero para rematar coas prácticas discriminatorias cara ás mulleres na guerra.

"Por iso propoño desfacer as narrativas hexemónicas e mirar ás mulleres desde diversos focos", indicou a relatora. Así mesmo, explicou que é preciso "recoñecer no poder a todas aquelas mulleres que están activas nas redes comunitarias". Para iso, Fernández Rosón mencionou varios casos. Desde as mulleres nómades somalís que romperon cos roles tradicionais e comezaron a ir ao mercado a comerciar. "Despois da guerra, moitos homes preferiron que foran as mulleres aproveitando todas esas habilidades que adquiriron en tempos de guerra". Ata as de Chad, Palestina, Uganda ou as de Serra Leoa, que iniciaron un tipo de comercio co que lograban cruzar as liñas inimigas para tecer unha rede informal coa que obtiñan bos ingresos e colaboracións.

Fernández Rosón quixo concluír poñendo en valor "o papel activo" que si teñen as mulleres na guerra, como axentes nos escenarios de guerra que non sempre forman parte do imaxinario das narrativas e políticas tradicionais. "Logran tecer redes informais comunitarias con lóxicas organizativas e lóxicas de decisión", puntualizou a relatora. "Polo tanto si, si que existen mulleres poderosas nas zonas de conflito", rematou Fernández Rosón.