Unha gran gala no exterior do pazo da Deputación porá o broche de ouro á II edición de Descúbreas

A gala estará presentada por Law, unha das mozas mentorizadas na primeira edición, e contará coa actuación do coro de góspel dirixido por Rebeca Rods

13/07/2022

A escalinata exterior do Pazo provincial da Deputación converterase o vindeiro mércores, 20 de xullo ás 20:30 horas, no escenario da gran gala de peche da 2ª edición de Descúbreas, o programa de apoderamento feminino co que a institución provincial e Regalamúsica están a atallar a fenda de xénero na música. A gala, aberta ao público en xeral e para a que é preciso confirmar asistencia en protocolo@depo.gal, será presentada pola artista Law, unha das mozas mentorizadas na primeira edición do programa, e contará coa actuación do coro de góspel dirixido por Rebeca Rods. Ademais, estrearanse as pezas musicais e videoclips profesionais gravados no marco do programa e protagonizados por Sara Baños, Sara Casas, Marina Fernández, Amparo Mosquera, Alba Nogueira, Carolina Vázquez, Ane Fonseca e María Rodríguez, as oito mozas mentorizadas nesta 2ª edición de Descúbreas.

O concerto supón a culminación do proceso de acompañamento profesional que recibiron as 8 rapazas da man de profesionais da industria musical como a representante e produtora de eventos musicais Patricia Hermida, as artistas Wöyza e Rebeca Rods, a especialista en imaxe persoal Andy González e tamén outras profesionais doutros ámbitos, como a especialista en igualdade e comisaria do proxecto da Deputación “Canteira de igualdade” Priscila Retamozo. Salienta este ano a incorporación da produtora de son Salomé Limón, que traballou con Editors, John Legend, Anoushka Shankar, Coque Malla, Crystal Fighters, Juan Luis Guerra, Vanesa Martín e Leonor Watling entre unha infinidade de artistas e ten no seu haber 5 Latin Grammys, que se uniu á asesoría musical para dotar as rapazas de todas as ferramentas e coñecementos cos que dar os seus primeiros pasos na música e afrontar futuras producións musicais. Do mesmo xeito, durante a fase de gravación dos vídeos promocionais, as participantes aprenderon a xestionar os recursos, as localizacións e todos os detalles que leva consigo a produción dunha peza audiovisual.

O programa de mentorías de Descúbreas é unha experiencia pioneira no ámbito estatal para mozas con carreiras artísticas incipientes, e precisamente polo seu carácter innovador recibiu a atención de proxectos como o programa de televisión de RTVE “Objetivo Igualdad” e recibiu o convite para participar no encontro máis importante de Europa e Iberoamérica de entidades que traballan contra a desigualdade na industria musical, o “Music Equality Forum”. Descúbreas tamén pasou por outros eventos como o encontro de escolas musicais de Portugal “Vira Fest”, a Feira Internacional de Música BIME ou os #RíasBaixasFest, onde as rapazas mentorizadas na 1ª edición están a formar parte dos carteis deste verán.

O proxecto compleméntase cun portal web que inclúe ferramentas para a visibilización das profesionais da música como un directorio de mulleres e escolas do que xa teñen xurdido algunhas oportunidades laborais para técnicas e artistas, titoriais en formato vídeo e un foro para resolver dúbidas e axudar as mozas a dar os seus primeiros pasos no seu proxecto musical, ou os apartados de noticias e axenda de concertos con perspectiva de xénero.

A Deputación decidiu poñer en marcha este proxecto para dar un impulso á igualdade no campo musical, xa que os datos amosan que a fenda de xénero está lonxe de pecharse. Deste xeito, no ámbito profesional técnico as mulleres só representan o 13%, mentres que o dato global do cadro de persoal do sector é de tan só un 30% de mulleres. O teito de cristal nas discográficas –e a escasa visibilización das mulleres que si logran ocupar posicións de poder– ou a fenda salarial, poñen de manifesto a necesidade de actuar, así como o feito de que nos carteis dos festivais musicais unicamente o 20% dos proxectos artísticos estean liderados por mulleres, cifra que se reduce ao 6% si falamos de cabezas de cartel.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.