Noticias

Bueu contará esta fin de semana co material das campañas de Igualdade da Deputación de Pontevedra nas festas de San Martiño

A institución provincial achegará adhesivos cos lemas "Conta comigo. Eu respéctote", "Lembra, eu decido, ti respectas" e guías para mozas e mozos


09 novembro 2018
Campaña de igualdade

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Igualdade, está a colaborar coas concellerías de Cultura e Igualdade do Concello de Bueu e coa organización das festas de San Martiño, poñendo á súa disposición o material das campañas de "Conta comigo. Eu respéctote" e "Lembra, eu decido, ti respectas", que están dirixidas tanto a mozas como a mozos. Con elas pretendese concienciar á poboación máis nova da importancia das relacións en igualdade e repártese material explicativo no que se mostran con claridade os límites ante posibles agresións facendo fincapé en que son un delito e que a culpa nunca é da vítima. A campaña "Conta comigo. Eu respéctote" foi a gran novidade deste ano e está especialmente dirixida aos mozos para que amosen o seu rexeitamento ante este tipo de condutas, non sexan cómplices e se sitúen claramente fronte aos agresores.

O material da Deputación se difundirá en Bueu na carpa das festas de San Martiño durante o XV aniversario do grupo Dakidarría, nun concerto incluído dentro do programa Musigal da Deputación. A institución provincial achegará ao evento, que terá lugar nos xardíns Urbano Lugrís-As Lagoas de Bueu este sábado 10 de novembro, adhesivos cos lemas das campañas e guías para mozas e mozos.  

As campañas e igualdade dos #RíasBaixasFests e o seu material divulgativo pode ser utilizado por todos os concellos que así o soliciten á Deputación e xa chegou a festivais e festas patronais de Poio, Cangas, Pontecaldelas, Lalín, Vilaboa, O Grove e Cuntis desde o pasado verán. De feito, os puntos de información nos festivais atenderon a máis de 8.000 persoas.