Noticias

Caldas de Reis enfila a recta final para a apertura do gran complexo termal ao aire libre da Tafona

O novo espazo termolúdico, financiado con achegas do Plan Concellos da Deputación, está destinado a converterse nunha nova referencia do termalismo


12 xullo 2021
A Tafona

A Tafona, o complexo termal ao aire libre que impulsa o Concello de Caldas de Reis co apoio financeiro da Deputación de Pontevedra, apura os últimos retoques para a súa entrada en servizo. O equipamento, que inclúe cinco pozas, afronta a recta final e estará plenamente operativo en 2022, unha vez que conclúan os remates. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, visitouno acompañada do alcalde, Juan Manuel Rey, e valorou a calidade do proxecto e a súa integración na paisaxe, nun lugar privilexiado ás beiras do río Umia, accesible e perfectamente integrado no centro da vila.

A actuación foi financiada con diferentes achegas do Plan Concellos da Deputación cun investimento total de 437.766 euros. Nestes últimos meses estanse a executar as obras de peche exterior do recinto, firmes e pavimentos na zona de circulación, dotación de mobiliario para os espazos de vestiarios e recepción de visitantes, a montaxe dunha cascada de aceiro, iluminación dos vasos de baño e aposta a punto dos equipamentos hidráulicos. Tamén estase a completar o axardinamento exterior coas propostas realizadas pola Escola Galega de Paisaxe Juana de Vega.

Carmela Silva destacou "o reforzo de primeira categoría que as pozas da Tafona son para a potente oferta turística da provincia máis turística de Galicia". A presidenta destacou que A Tafona vén cubrir un oco no sector termal, ofertando un espazo aberto e un modelo de lecer distinto ao dos hoteis-balnearios de referencia que xa temos na provincia. "Gañamos en competitividade, porque incorporamos un gran complexo de pozas, que era algo do que careciamos, e, ademais, situado nun lugar estratéxico, na comarca do Umia, que está ben comunicada e preto das principais cidades". Ao seu xuízo, a Tafona "converterase nun novo sinal de identidade turística e de despegue económico para Caldas de Reis e toda a súa comarca". "Será un polo de atracción que permitirá a outros negocios, e especialmente ao sector servizos, beneficiarse moi directamente". "As pozas da Tafona, construídas nun espazo aberto representan ao modelo do turismo sostible e son unha aposta gañadora que, ademais, chega no momento xusto, cando este tipo de oferta de lecer é a máis demandada". A pandemia, destacou, cambiou as demandas do mercado turístico, que agora pivota en gran parte ao redor de espazos seguros, valores naturais e experiencias.

Durante a visita ás obras destacouse tanto a calidade do deseño arquitectónico como a súa integración paisaxística co contorno natural, ademais da proximidade coa Senda Verde, a ruta de 10 km construída pola Deputación en colaboración cos concellos de Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa e Portas sobre a antiga vía férrea, enlazando a vella estación de Rubiáns coa azucreira de Portas. Todo elo, destacouse, configura un completo "paquete" de actividades ao aire libre coa senlleira vila termal de Caldas de Reis como epicentro.

O complexo termolúdico da Tafona está integrado por cinco piscinas, dúas delas de seis e oito metros de diámetro, outras dúas de cinco metros e unha quinta de dous metros de diámetro, que contará con auga fría para gozar dos contrastes de temperatura. Todo o proxecto está baseado en deseños de estruturas circulares, incluído o edificio de recepción e vestiarios e tamén o que alberga as máquinas e instalacións. No seu espazo próximo sitúanse tamén equipamentos públicos municipais como a pista de pádel, o Centro Comarcal de Caldas e o aparcamento.