Caldas reforza a súa aposta pola transformación urbana con actuacións en colaboración coa Deputación que suman ata 1,5 millóns de euros

Carmela Silva: “Somos a gran referencia galega e do Estado na recuperación do espazo público para as persoas e imos seguir construíndo a provincia, que agora xa non hai quen a recoñeza”

26/07/2022

Transformación urbana Caldas  

Caldas segue a apostar pola "revolución urbana", en palabras do seu alcalde, que está a supoñer a total transformación do concello baixo os parámetros da recuperación do espazo público e prioridade para as persoas, coas distintas actuacións que está a desenvolver coa colaboración da Deputación e que hoxe visitaron a presidenta provincial, Carmela Silva, e Juan Manuel Rey. En concreto, ambos, xunto a representantes da corporación local, inauguraron as obras de saneamento desenvolvidas na Rúa Real cunha achega do Plan Concellos, e visitaron a contorna onde se vai realizar a mellora da área do río Bermaña, enmarcada no ReacPon que está a piques de comezar, así como o Camiño Real, onde tamén se levarán a cabo traballos de saneamento con orzamento do Plan provincial.

Carmela Silva lembrou que as actuacións que a Deputación está a desenvolver cos concellos converten á provincia "na gran referencia galega en recuperación do espazo público para as persoas" e citou que no caso das visitadas hoxe e as proxectadas, suman un ambicioso investimento de 1,5 millóns, dos que a meirande parte son aportados pola institución provincial a través do Plan Concellos e o ReacPon. Todas estas "grandes actuacións" desenvolvidas están a permitir a transformación do Concello de Caldas "con servizos, dotacións e equipamentos que son precisos neste século XXI".

"Temos que transformar o xeito de construír os pobos, algo que é a nosa obriga, e estámolo a facer respectando a autonomía local. Síntome moi feliz de ter un goberno provincial compartido nestes sete anos que foi quen de cambiar esta provincia, á que hoxe non hai quen a coñeza -engadiu a presidenta-. Foi posible grazas a un modelo claro, e coa complicidade dos alcaldes e alcaldesas que están a facer un gran traballo. Continuaremos construíndo para seguir avanzando, porque debémonos á veciñanza. Nestes tempos é bo que sexamos optimistas, e somos un pobo moi potente e con garra. Imos seguir construíndo a provincia de Pontevedra". Destacou así mesmo a estatua dedicada á peregrina que homenaxeará neste municipio ás persoas que realizan o Camiño Portugués: "É importante que sexa unha muller, porque hai poucas mulleres representando o Camiño -subliñou-, do que Caldas é unha referencia". A obra forma parte das instalacións artísticas de Kaldarte, enmarcadas no festival Cultura Quente que cumpre 25 anos e "co que este concello tamén é un emblema na cultura, porque este é un pobo de cultura, un pobo vivo".

Pola súa banda, o alcalde Juan Manuel Rey agradeceu a presenza da presidenta e de todos os partidos da corporación e subliñou que a Rúa Real, onde se inaugurou o novo saneamento _que é zona de paso do Camiño Portugués que o Concello está a "potenciar e activar"_, exemplifica "como ningún outro a mancha de aceite que se foi expandindo e que supón a reforma urbana" desenvolvida polo Concello "e coa que imos avanzando en todas as direccións, aínda que queda por recuperar". O rexedor destacou que máis que unha reforma, trátase dunha "revolución urbana": "Hai moi pouco espazo non que non teñamos intervido e onde non puxéramos en valor a pedra, cunha certa uniformidade estética ao gusto de todos e todas". Rey apuntou que as obras previstas co ReacPon na zona do río Bermaña e o saneamento no Camiño Real serán "a guinda do pastel que comezamos hai tempo e queremos culminar co Ágora, que nos gustaría ver culminado neste mandato".

Actuacións

No caso do saneamento finalizado na Rúa Real, o investimento foi de máis de 300.000 euros, dos que a Deputación aportou 265.820€ do Plan Concellos para dar solución aos problemas de filtracións e anegamentos. A obra foi de especial complexidade técnica e comprendeu a instalación de saneamento separativo de augas pluviais e fecais e a renovación da rede de abastecemento municipal, así como a renovación das instalacións rego e a conexión do manancial da Pedreira coa Burga. Amais, dotouse á zona dun novo alumeado público con luminarias LED para aumentar a eficiencia enerxética e o soterramento das liñas aéreas de teléfono e subministro eléctrico en viario público. Por outra banda, as obras previstas no Camiño Real, nas que se investirán 75.000 euros do Plan Concellos, permitirán a substitución dos servizos de saneamento de augas pluviais e fecais nesta zona, que se completarán coa nova pavimentación da calzada, con lastras de granito gris.

A mellora da área do Río Bermaña, o proxecto que se financiará ao abeiro do Plan Reacpon a piques de iniciar as obras, e supón un investimento total de case 580.000 euros, dos que a Deputación achega preto de 493.000. Suporá a rehabilitación paisaxística integral desta área, moi sensible polos valores naturais, e se mellorará a accesibilidade e seguridade viaria.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.