Noticias

Cambados acolle durante o mes de novembro seis novos obradoiros de "Smart Peme"

"Smart Peme" é un programa de asesoramento no ámbito das TIC da institución provincial destinado ás persoas emprendedoras e ás pemes da provincia


02 novembro 2017
SmartPeme Cambados

O Centro Exposalnés de Cambados acollerá, durante todo o mes de novembro, seis obradoiros ao abeiro do programa "Smart Peme" da institución provincial. "Smart Peme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

A actividade deste mes arrancará o venres 3 de novembro co obradoiro "A túa páxina web en menos de 90 minutos" e seguirá cos seguintes cursos: o mércores 8 impartirase o obradoiro "A túa páxina web con Wordpress", o martes día 14, "Como facer unha exitosa campaña de publicidade no Google?", dous días despois, o xoves 16, "Fotografía e vídeo para establecementos de turismo e hostalería", e para rematar, o xoves 23 de novembro comezará o obradoiro "Google Analytics: Iniciación á analítica WEB" e o mércores "O ámbito das novas tecnoloxías e RRSS no sector turístico". A oficina "Smart Peme" de Cambados, no Centro Exposalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es. Todas as actividades deste mes comezarán ás 19 h.

Lembramos que o novo proxecto "Smart Peme", en palabras da presidenta da Deputación, Carmela Silva, "é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos".  Para isto, nas oficinas de "Smart Peme" no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo se están poñendo en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.


Novas relacionadas

SmartPeme Pontevedra

06 novembro 2017, pontevedra, obradoiros, smartpeme, tic