Noticias

Cambados acolle en febreiro sete novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro de "SmartPeme"

O programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra está destinado ás persoas emprendedoras, autónomas e ás pemes da provincia


03 febreiro 2019

O Centro ExpoSalnés de Cambados acollerá durante este mes de febreiro sete novos obradoiros ao abeiro de "SmartPeme", o programa de capacitación tecnolóxica impulsado pola Deputación de Pontevedra. "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, coa colaboración das asociacións de empresarias e empresarios e de mozas e mozos autónomas. O punto do Centro ExpoSalnés presta asistencia ao empresariado das comarcas do Salnés e Caldas.

O primeiro dos obradoiros será "Mide os teus obxectivos nas redes sociais: Análise de estatísticas", que desenvolverase o martes día 5 a partir das 19.00h. O seguinte será o xoves desa mesma semana, cando a partir das 18.00h terá lugar o curso "Crea unha páxina profesional con WordPress". O terceiro curso será "Plugins de WordPress para mellorar a túa web", que terá lugar o martes 12 de febreiro ás 19.00h. Esa mesma semana, Cambados acollerá "Xestión e comercialización de vivendas e apartamentos turísticos", o xoves 14 de febreiro ás 17.00h. O obradoiro "Que é a publicidade nativa e porque debería empregala?", chega o xoves 21 ás 19.00h.

Por último, o martes 26 de febreiro, ás 19.00h, terá lugar o curso "Fotografía de produto: todo o que debes saber" e o xoves 28 de febreiro, á mesma hora, "Ferramentas de Google para a promoción de negocios locais".

A oficina "SmartPeme" de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.