Noticias

Cambados acollerá en setembro seis novas accións formativas do programa "SmartPeme"

Están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades


01 setembro 2019
SmartPeme

A Deputación de Pontevedra programou para este mes de setembro seis novas accións formativas do programa "SmartPeme" en Cambados. Estas sesións están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade. Deste xeito, "SmartPeme" ofrécelles ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man das propias implicadas e implicados e coa colaboración das asociacións de empresarias e empresarios e de mozas e mozos autónomos.

En concreto, os cursos serán os seguintes: O teu Plan de Márketing Dixital Paso a Paso, que terá lugar o xoves 5 de setembro das 18 ás 21 horas; Desenvolve a túa Propia Estratexia de Email Márketing, o xoves 12 de setembro de 19 a 21 horas; Mellora o Impacto da túa Web Grazas a Google Analytics, o martes 17 de setembro de 18 a 21 horas; Copywriting para a Promoción de Tours, Experiencias e Actividades, o xoves 19 de setembro, de 17 a 19 horas; Experiencias SmartPeme: A Quinta de San Amaro, o martes 24 de setembro, de 19 a 21 horas, e, por último, Vende os teus Produtos en Facebook e Instagram, o xoves 26 de setembro, de 19 a 21 horas.

Estes obradoiros impartiranse no Centro Exposalnés de Cambados (paseo da Calzada, s/n), a excepción de Desenvolve a túa Propia Estratexia de Email Márketing, que terá lugar na sala de xuntas do Centro Comercial Arousa. As inscricións para tomar parte nas accións formativas pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal.