Noticias

Campo Lameiro implementa medidas de apoio á poboación e de prevención contra o COVID-19

Operarios municipais desinfectarán de modo preventivo os principais lugares de paso da vila e pon en marcha un teléfono a disposición cidadá para atende-la demanda domiciliaria de persoas de especial vulnerabilidade


20 marzo 2020
Campo Lameiro
Desinfección das rúas de Campo Lameiro

O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa Domínguez, publicou un bando coas medidas de atención domiciliaria a persoas en especial situación de vulnerabilidade ante o COVID-19 e pon en marcha medidas preventivas de descontaminación de lugares públicos como inmediacións de supermercados, entidades financeiras, Praza do Concello, farmacias, etc.

Así, no bando publicado polo alcalde fíxanse como beneficiarios do novo servizo coordinado polo Concello o subministro básico de alimentación, produtos de hixiene e farmacolóxicos e poderán reclamar este servizo persoas de idade avanzada, familias vulnerables e persoas que padezan algún tipo de discapacidade ou teñan mobilidade reducida.

Para poder acceder a estes servizos, as persoas que as demanden poden chamar ao teléfono do Concello 986 75 20 34 e os Servizos Sociais activarán o protocolo axeitado para darlle resposta inmediata a aquelas persoas que así o demanden.

Por outra banda, operarios municipais realizarán, perfectamente protexidos, labores de desinfección preventiva en lugares de especial sensibilidade e tránsito de persoas nestes días como supermercados e tendas de alimentación, farmacias, centro de saúde, Praza do Concello, entidades bancarias, oficiñas municipais, etc.

O alcalde chama á tranquilidade e á serenidade da poboación amosando a vontade activa do Concello de estar á súa disposición ante calquera eventualidade que se poda producir, coa intención de que calquera veciño ou veciña do municipio que o precise vai ter acceso á axuda permanente e inmediata do Concello.