Noticias

O concello de Campo Lameiro consegue unha subvención de casi 201.000 euros para mellora-la eficiencia enerxética o alumeado público no municipio que aforrará un 64,82% o seu consumo

Actuarase en 858 dos 1.583 puntos de luz existentes substituíndo as actuais luminarias por outras LEDs, máis ecolóxicas e de menor consumo e reemplanzando 24 dos 42 cadros de mando actuais


22 maio 2020
Campo Lameiro
Alumeado público

O Concello de Campo Lameiro acaba de conseguir unha subvención do Ministerio de Transición Ecolóxica e o IDAE de casi 201.000 euros para o seu proxecto de renovación e mellora da eficiencia enerxética do seu alumeado público que acadará un investimento total de 251.005,36 euros.

Esta importante subvención lograda polo equipo de goberno, que dirixe o alcalde Carlos Costa Domínguez, permitirá actuar en 858 dos 1.583 puntos de luz existentes no alumeado público exterior do concello substituíndo as actuais luminarias provistas de lámparas de vapor de mercurio, vapor de sodio de alta presión e haloxenuro metálico por outras LED máis eficientes e actuando en 24 dos 42 cadros de mando existentes.

A intervención permitirá tamén substituir 21 deses cadros de mando existentes e á adaptación á normativa vixente dos outros 3 permitindo así con esta actuación diminuir a potencia de consumo de 66,85 kW a 29,573 cun aforro enerxético total estimado do 64,82%.

O Ministerio valorou á hora de conceder esta subvención ao Concello de Campo Lameiro o feito de que se trata dun proxecto singular que favorece o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020 polo que aprobou o gasto total solicitado.

Agora o Concello ten un prazo de seis meses para acreditar que ten iniciados os trámites de contratación dos subministros, obras e servizos necesarios para a execución das actuacións e ata un ano para formalizar as contratacións precisas para executar o investimento cun prazo máximo de 30 meses para a súa realización definitiva e xustificación dos traballos realizados.