Noticias

O concello de Campo Lameiro recupera o servizo habitual de subministro de auga e elimina os cortes nocturnos

Pide a colaboración veciñal e a concienciación cidadá para un uso responsable da auga para evitar novos incidentes durante o verán


08 agosto 2020
Campo Lameiro
Carlos Costa Alcalde de Campo Lameiro

O Concello de Campo Lameiro recupera a normalidade no subministro de auga a domicilio e elimina os cortes nocturnos que tivo que adoptar nos últimos días debido a unha baixada repentina e descontrolada nos depósitos municipais por mor do uso irresponsable dos recursos hídricos utilizados para encher piscinas particulares, rego de xardíns e hortos e lavado de vehículos.

As autoridades municipais piden a colaboración cidadá para que se faga un uso racional e responsable da auga durante estes días de verán onde a poboación do municipio aumenta e a demanda de consumo hídrico é maior. O Concello recorda á veciñanza que a auga da traída municipal só se pode destinar a uso doméstico e está prohibido encher piscinas, lavar vehículos ou regar hortos e xardíns con ela.

Por outra banda, desde o Concello lembran á cidadanía que o mal uso insolidario da auga municipal pode acarrear a apertura de expedientes sancionadores que poden rematar en multas aos usuarios que incumpran a normativa de uso racional da auga.

Debido ao descenso alarmante e repentino no depósito municipal de subministro de auga, o Concello de Campo Lameiro tivo que adoptar medidas urxentes e puntuais a base de realizar cortes nocturnos programados entre as 00:00 e as 6:00 horas da mañá durante estes días co fin de causa-los menos perxuizos e molestias posibles aos usuarios e permitir a recuperación das reservas hídricas municipais.

Pese a que o Concello de Campo Lameiro editou un Bando urxente para que a veciñanza tomara conciencia e fixera un uso responsable da auga, operarios municipais tiveron que amonestar e advertir a algún veciño polo uso indiscriminado do subministro de traída municipal para encher piscinas, regar xardíns e hortos e outros usos que non están previstos pola ordenanza e que poñen en perigo a utilización solidaria dos recursos hídricos do concello.

O alcalde, Carlos Costa Domínguez, agarda que non se teña que volver a tomar estas medidas extremas e fai un chamamento á cidadanía para manter un uso razonable e responsable do consumo de auga co fin de poder abastecer durante todo o día no verán as necesidades normais da poboación de Campo Lameiro en materia de abastecemento hídrico.