A oficina de turismo de Cangas súmase á revolución tecnolóxica impulsada pola deputación cunha pantalla dixital 23 “beacons”

A oficina do Morrazo cambiará o seu modo de relacionarse coas persoas visitantes gracias aos investimentos europeos da man do programa “Tourist Inside”

23/08/2022

Visita Oficina de Turismo de Cangas

A oficina de turismo de Cangas, distinguida coa “Q” de calidade Turística dende 2019, mudará o seu modelo de atención ás persoas visitantes cara un novo no que a dixitalización terá un papel relevante. Así o anunciaron a deputada responsable da área de Turismo, Ana Laura Iglesias, e a concelleira de Turismo de Cangas, Aurora Prieto, quen deron a coñecer as novidades que “Tourist Inside” levará a esta oficina, adherida á rede Info Rías Baixas. O proxecto europeo que xestiona a Deputación fará que as tecnoloxías da información e a comunicación optimicen a satisfacción das e dos visitantes da oficina a través de elementos que se incorporarán tanto na propia oficina como no conxunto do municipio.

As persoas que se acheguen á oficina atoparanse cunha pantalla no interior que lles facilitará información do destino Pontevedra provincia mediante a interconexión da Rede Info Rías Baixas. E poderán deixar constancia da satisfacción da súa experiencia no punto de información a través dunha tableta na que se realizarán enquisas. Ademais, o propio territorio de Cangas converterase nun espazo de información turística mediante o uso das tecnoloxías posto que se instalarán en diversos puntos do mesmo un total de 23 “beacons”, é dicir, balizas electrónicas que transmitirán información de interese aos móbiles das e dos visitantes a través da tecnoloxía bluetooth.

O punto de información  dispón dende 2019 da “Q” de calidade Turística, distintivo de calidade que outorga o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) e que a converte nunha referencia na atención aos visitantes, dado o grao de cumprimento dos estándares e procedementos certificados.

Máis de 3.300 persoas visitantes no que vai de ano

A oficina de turismo de Cangas é un reflexo do pulo que está a vivir o turismo na provincia ao ter acadado dende o 1 de xaneiro ata o 15 de agosto un total de 3.321 persoas visitantes. A maioría foron de nacionalidade española (81,93%) e entre elas destacan as procedentes de Madrid (28,64%) e doutros puntos do Estado como Barcelona ou Guipúscoa. Pola súa banda, as persoas estranxeiras que solicitaron información a oficina de Cangas (o 18,07% restante) chegaron dende países como Portugal, Francia, Alemaña ou Reino Unido. As persoas que visitan a provincia de Pontevedra fano en busca dun turismo cultural (38%) e relacionado coa natureza (34%).

A Rede Info Rías Baixas, un modelo de éxito que conta con 33 oficinas espalladas por toda a provincia de Pontevedra. Foi creada hai catro anos pola Deputación de Pontevedra para garantir un servizo de atención de calidade nas oficinas de turismo da provincia, ás que dota de máis medios, de novas tecnoloxías e dunha imaxe unificada a fin de mellorar o grao de satisfacción dos e das visitantes.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 13 resultados.