Noticias

Carlos Font supervisa en Vilagarcía de Arousa as obras de mellora no campo de fútbol de Vilaxoán

O deputado provincial, acompañado polo alcalde Alberto Varela, tamén visitou as renovadas varandas do entorno de Vista Alegre


10 setembro 2019

O deputado provincial Carlos López Font achegouse no mediodía deste martes 10 de setembro a Vilagarcía de Arousa para visitar dúas das obras financiadas pola Deputación de Pontevedra ao través do Plan Concellos. Por unha banda, Font, xunto a Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa, e o tamén deputado provincial, Manuel González, supervisou as obras de reparación do campo de fútbol de Vilaxoán, que estará listo nunhas semanas, e por outro lado, tamén visitou as novas varandas de protección que xa foron instaladas no entorno de Vista Alegre.

Carlos López Font apuntou que "esta visita é moi significativa porque serve para ver 'in situ' como quedan importantes actuacións que falan por si mesmas do que significa a colaboración entre Deputación e concellos". Neste senso, o deputado provincial resaltou que "esta colaboración é unha aposta firme do noso Goberno, tratando en condicións de igualdade a todos os concellos da nosa provincia".

Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, destacou que "cando as institucións traballan da man os resultados repercuten en beneficio dos veciños e veciñas". O rexedor da vila tamén explicou que "saber con antelación os fondos que vas ter a disposición cada ano facilita moito o noso traballo, e saber que vas a poder xestionar as achegas con autonomía e independencia é de agradecer, porque é así como podemos mellorar a vida das persoas" e engadiu que "é unha mágoa que isto non aconteza na Xunta".

No que respecta ao acondicionamento do campo de fútbol de Vilaxoan, as obras comprenden a renovación do pavimento deportivo, eliminando o seu céspede sintético e incorporando novo sistema de céspede artificial de última xeración. Tal e como puntualizou López Font, para esta obra, a Deputación de Pontevedra destinou 216.630,74 euros ao abeiro do Plan Concellos.

Pola súa banda, en Vista Alegre, no derradeiro tramo do río do Con, a renovación das varandas e a dotación de pequenas zonas axardinadas na beira norte, na contorna da praza de Abastos, estivo financiada cunha achega da institución provincial de 101.500 euros. Esta actuación levouse a cabo para mellorar a seguridade e a estética dunha zona moi transitada.

No remate da visita, Carlos Font pormenorizou que "no Plan Concellos 2019 a Deputación inviste en Vilagarcía preto dun millón e medio de euros, un 3,35 % máis que en 2018" e que "en catro anos Vilagarcía financiou coa liña 1 ata 44 obras por preto de catro millóns de euros". Tamén engadiu que "coa liña 3 de emprego, o goberno de Vilagarcía de Arousa puido contratar a un total de 140 persoas desempregadas para traballar no concello, 36 neste ano 2019".

Fotos