Noticias

Carmela Silva abre a xornada da Escola de Igualdade coa condena dos novos crimes machistas e a lembranza das primeiras políticas electas fai hoxe 40 anos

A presidenta da Deputación reivindicou o papel da política como ferramenta para transformar a sociedade e rachar co sistema patriarcal. "Sen política non hai feminismo e sen feminismo non hai política


03 abril 2019
María Vinyals

Muller e Poder, a xornada anual da Escola de Igualdade María Vinyals, abriu esta mañá as súas portas cun aforo totalmente cheo e da man da presidenta da Deputación, Carmela Silva, que comezou a súa intervención amosando a súa indignación e rexeitamento porque "hoxe levantámonos con dous casos máis de asasinatos de mulleres. No que levamos de ano xa son 15 as mulleres asasinadas, máis que semanas do 2019, e xa está ben, hai que poñerlle fin a esta terrible dor, humana e social".

Xunto a esta reivindicación, Silva tamén fixo fincapé na data deste 3 de abril "na que se compren 40 anos das primeiras eleccións municipais democráticas onde 103 mulleres pioneiras e loitadoras convertéronse en alcaldesas, as primeiras elixidas trala recuperación da democracia". Silva destacou que "todas elas, que soamente representaban o 1,2 % dos cargos electos, abriron o camiño para que outras ocupásemos espazos públicos e pese a que non todas elas eran feministas, nin tiñan un compromiso coa igualdade, deron un paso adiante para liderar o poder político, o máis transformador que existe na sociedade". Ademais, a presidenta tamén recordou que das 103 mulleres pioneiras alcaldesas seis gobernaron en Galicia. "Elas marcaron o camiño de liderar a política local e hoxe estamos aquí reivindicando novos modos de liderado e formas de distribución do poder".

A intervención da presidenta, titulada "Mulleres, espazo público e o desempeño do poder", centrouse na política como ferramenta para transformar a sociedade e o sistema patriarcal. Neste eido Silva destacou que "feminismo e política son a mesma cara dunha moeda: sen política non hai feminismo e sen feminismo non hai política. Ademais se o 52 % da poboación non estamos representadas non hai democracia. Precisamos estar aí, porque a política é o instrumento máis potente que ten a sociedade para cambiar, para mellorar e para modificar. O certo é que cóstanos moito chegar ao poder, temos que pasar por situacións moi complexas e complicadas, pero temos que ser optimistas, porque o optimismo transforma o mundo".

A primeira parte da intervención da presidenta estivo centrada en imaxes do ámbito público, "porque o público é tamén político". Así, Silva amosou "esclarecedoras fotografías" de encontros de poder en diferentes eidos, algunha incluso dun cumio para falar de lactación materna no que todos son homes, "nas que se demostra que as mulleres seguen a ter unha nula o minoritaria presenza". Posteriormente fixo unha "radiografía" do poder político no mundo, en España, nas comunidades autónomas e no mundo local "onde a preponderancia é masculina". Deste xeito, dos 194 países do mundo nos que, soamente 22 están gobernados por mulleres, "un dato abraiante, desolador, que fai que non nos podamos sentir satisfeitos como sociedade". En canto ao goberno de España, desde a recuperación da democracia, Silva recordou ás ministras que gobernaron desde a primeira, Soledad Becerril, ata o goberno actual no que as mulleres representan o 65 % do goberno, con 11 ministras e 6 ministros, e pasando polo primeiro goberno paritario de José Luis Rodríguez Zapatero. Segundo Silva "ao longo deste tempo as mulleres fomos avanzando grazas ao impulso do feminismo e agora temos o goberno máis feminista do mundo".

E en relación aos gobernos das comunidades autónomas e no ámbito local, a presidenta da Deputación fixo fincapé en que soamente hai dúas presidentas autonómicas (Baleares e Navarra), sete presidindo deputacións provinciais, 42 alcaldesas e 271 alcaldes en Galicia e 24.089 concelleiras fronte a 43.202 concelleiros en España. Pola súa banda, no eido do poder lexislativo, a presidenta da Deputación destacou que o Senado está integrado por 186 homes e 119 mulleres e o Congreso por 212 homes e 138 mulleres. No caso dos parlamentos autonómicos tamén se observa unha evolución positiva da presenza feminina, "avances con respecto ás primeiras lexislaturas pero aínda quedan moitos pasos por dar, por ser a metade, o que soamente se consigue con listas paritarias e cremalleira". Ademais, e con respecto aos pasos pendentes por dar, Carmela Silva destacou que "a nosa presenza en comisións e na toma de decisións é moi pequena, aínda somos unha minoría presidindo mesas, comisións, cámaras".

Outra das cuestións nas que afondou a presidenta da Deputación foi a violencia institucional que "padecemos as mulleres de todos os partidos políticos, con insultos que sempre son de xénero, porque cando nos queren descualificar chámanos puta, chacha para todo, mona…". Segundo Silva, estes insultos teñen "dous obxectivos patriarcais centrados en humillarnos, minusvalorarnos e en facer que nos sintamos mal, que sigamos sentindo complexo pola mirada que eles dan de nós, e non o podemos consentir".

Con respecto aos diferentes ámbitos profesionais, a presidenta da Deputación recordou a escasa presenza da muller no poder no xornalismo, no que o 73 % dos postos de dirección son masculinos; cultura, no que só o 18 % dos espectáculos son de autoras; xustiza, onde a presenza das mulleres no Tribunal Supremo é do 11,6 %; investigación, onde só o 21 % dos postos ocupados na Unión Europea pertencen ás mulleres; empresa, onde o 19,4 % dos órganos de dirección de empresas de IBEX recaen en mans de mulleres; ou política, onde soamente 22 mulleres son presidentas dos 194 países do mundo. "Os datos son claros, son obxectivos, e debemos amosalos, non ocultalos, para que quede clara a situación na que aínda nos atopamos as mulleres e non se negue a desigualdade", asegurou a presidenta.

A xornada Muller e Poder pretende construír un espazo no que compartir experiencias e coñecementos referidos ao exercicio da responsabilidade e toma de decisións, así como a facilitar a posta en común de boas prácticas e modelos na xestión de persoas e equipos, na xestión do poder e na propia autoxestión persoal desde a perspectiva de xénero. Deste xeito, ao longo da xornada se están a por en valor as achegas das mulleres ao espazo público centrándose nos eidos culturais, da política, do dereito, da comunicación, do deporte e da ciencia, da man das experiencias persoais de Laura Freixas, Berta Fernández Rosón, Altamira Gonzalo, Montserrat Boix, Desirée Vila e África González.