Noticias

Carmela Silva afirma que o Pontevedra ITU Multisport World Championship 2019 "vai a converter á nosa provincia no centro mundial do tríatlon"

A presidenta da Deputación viaxa hoxe a Dinamarca para participar na presentación do evento que "nos vai referenciar como capital do turismo galego e español"


12 xullo 2018
Previa Pontevedra ITU Multisport Championships

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Pontevedra e presidente do Comité Organizador, Miguel Anxo Fernández Lores, participará mañá na presentación do Pontevedra ITU Multisport World Championship 2019 na illa danesa de Fyn, o Festival Mundial Multideporte que a cidade do Lérez acollerá entre os días 27 de abril e 5 de maio do próximo ano. No acto tamén estarán presentes, como embaixadores, o actual campión de España, o pontevedrés Pablo Dapena, e o triatleta Javier Gómez Noya.

Máis polo miúdo, Silva amosou a súa satisfacción por acoller este campionato que "vai a converter á nosa provincia no centro mundial do tríatlon, non soamente vai ser un evento importantísimo para a cidade de Pontevedra, senón para o conxunto da nosa provincia, polo tanto é moi importante que as administracións apostemos por este grande evento que ademais nos vai referenciar como capital do turismo galego e español". Está previsto que o campionato, que conta con probas de duatlón, tríatlon de longa distancia, acuatlón, acuabike e tríatlon cross, reúna a uns 4.000 deportistas e a unhas 10.000 persoas durante eses días en Pontevedra, converténdose no evento deportivo máis importante do ano.

Neste senso, para a promoción do Festival Multideporte e para atraer o maior número posible de persoas, Pontevedra puxo en marcha a campaña "2019. See you in Pontevedra" que conta cunha caseta en Dinamarca para exhibir información e persuadir ao maior número posible de deportistas para a cita do 2019. Concretamente, na entrada da Vila do Atleta, está instalado un photocall da cita pontevedresa no que se reparten folletos informativos e chapas coa mascota do evento, un neto virtual do Loro Ravachol.

Ademais, a través desta campaña tamén se busca informar ás e aos atletas internacionais que acoden este ano a Fyn das propostas que lle agardan en Galicia, como sinalou a presidenta da institución provincial "nós somos un lugar extraordinario no mundo, aquí podemos ofertar un espazo extraordinario para o deporte, pero tamén un lugar cunha gastronomía das mellores do mundo, unha paisaxe, unha historia, unha cultura, arte e, sobre todo, unha grande hospitalidade das pontevedresas e pontevedreses".

Pola súa banda, desde o pasado mes de abril, ondean un par de bandeiras co logo do Multisport na praza de España e na ponte dos Tirantes, conformando unha simbólica conta atrás. As bandeiras parten dun cubo onde tamén se pode ler a data de celebración do evento, aínda que as súas caras irán mudando o tipo de información conforme vaia descorrendo o ano.

Este ano, ao redor de 3.000 atletas de 48 países de todo o mundo compiten en Dinamarca, concretamente nas cidades de Middelfart, Svendborg e Odense, entre o pasado día 6 de xullo e o vindeiro 14 de xullo no Fyn ITU Multisport World Championships 2018. Máis polo miúdo, a Federación Española de Tríatlon seleccionou a sete atletas para participar neste evento deportivo, entre os que se atopa o pontevedrés Pablo Dapena, que competirá na modalidade de tríatlon de longa distancia.