Noticias

Carmela Silva alenta ao alumnado de Caldas de Reis a ter "unha posición activa" na loita pola igualdade na representación de "Invisibles"

A presidenta provincial, que asistiu á posta en escena da obra de Redrum Teatro, invitou ás rapazas e rapaces "a ser quen protagonicen o século no que imos acadar a igualdade"


26 novembro 2019
Invisibles

"Esta obra faravos reflexionar e daravos contidos para defender a igualdade". A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, alentou así hoxe ao alumnado de Caldas que asistiu á representación da obra teatral Invisibles, de Redrum Teatro, a "ter unha posición activa" na defensa da igualdade e contra as violencias e a discriminación que padecen as mulleres. A representación de Invisibles no Auditorio Municipal de Caldas de Reis enmárcase na programación cultural da Deputación e ao acto acudiron máis dun cento de estudantes de tres centros do concello, o IES Aquis Celenis, o CPI Alfonso VII e o CPR San Fermín.

Silva dirixiuse á rapazada antes do comezo da obra e amosou a súa esperanza de que "o século XXI será o século en que academos a igualdade" e quixo facer tamén un recoñecemento ás mulleres que están detrás da montaxe de Invisibles, tanto a autora do libro no que se basea a obra, Montse Fajardo, como a directora teatral Marián Bañobre e as actrices que a protagonizan coa compañía Redrum Teatro (Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez), das que destacou o seu "compromiso coa cultura e os valores fundamentais e dereitos humanos dos que estamos a falar".

"As mulleres somos o 52 % da poboación –engadiu a presidenta– e esiximos o que nos corresponde, queremos a metade de todo. Queremos ser visibles, queremos que se remate co maltrato que padecemos, con todas as violencias machistas. Estas mulleres, a través da cultura do teatro, van facer que saiamos de aquí reflexionando e cunha posición activa" na loita pola igualdade. "En definitiva –destacou– é acadar un mundo onde todas e todos poidamos ser felices, onde toda a humanidade poida acceder aos seus dereitos". Neste senso, apuntou tamén que a obra "golpea forte" dentro da "enorme capacidade do teatro para mobilizar as conciencias, para crear valores que nos permitan construír unha sociedade mellor".

Invisibles baséase na novela homónima de Montse Farjardo e pon o punto de mira a invisibilidade que sofren os culpables de agresións machistas en contraposición coa exposición á que se ven abocadas as vítimas ante a sociedade. Así, presenta ante o público sete testemuñas reais cun fío común entre elas: a violencia machista. A obra, coproducida por Redrum Teatro, o Centro Dramático Galego, a Concellería de Igualdade de Pontevedra e a Deputación da Coruña, recibiu nos XXIII Premios de Teatro María Casares tres galardóns nas categorías de mellor dirección, iluminación e adaptación-tradución.

Con todo, Invisibles está orientada a un público adulto e adolescente maior de 12 anos e concentra unha gran dose de conciencia crítica, cuestionando deste xeito a realidade que envolve a trama para procurar transformala a través da sensibilización do público con respecto á lacra da violencia de corte machista.