Noticias

Carmela Silva amadriña en Vigo a creación do primeiro grupo galego "Enxeñeiras I Mas (I+)"

A posta en marcha dunhas xornadas e visitas aos centros educativos, para visibilizar a importancia de que as nenas coñezan as carreiras STEM, son as primeiras ideas do encontro


12 abril 2019
Enxeñeiras galegas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, "amadriñou" en Vigo a creación do grupo galego "Enxeñeiras I Mas (I+)", nun encontro con mulleres enxeñeiras galegas que nace para poñer ideas en común, definir iniciativas para visibilizar a situación das carreiras STEM, sumar sinerxías, obter feedback e traballar para impulsar o papel da muller nas enxeñarías.

"Enxeñeiras I Mas (I+)", que manterá reunións periódicas de traballo, integra a mulleres de diferentes eidos da enxeñaría (forestais, industriais, telecomunicacións, etc.), unha inciativa que xurdiu das conversas das enxeñeiras coa presidenta provincial, dando resposta ás inquedanzas sobre a invisibilización das mulleres nas carreiras STEM e do necesario achegamento ás nenas de referentes femeninos nas titulacións técnicas.

Carmela Silva, que cualificou de "unha idea magnífica" a creación deste grupo, incidiu na "enorme preocupación que temos ante o descenso do número de rapazas na matriculacións nas carreiras técnicas. O mundo vai estar dirixido por as persoas que controlen as STEM. Se o 75 % dos que estudian esas carreiras son eles, eles serán os que dirixan mundo e iso non o podemos consentir". A presidenta, explicou, que "iso pasa porque ás mulleres, a pesar de que conseguimos as mellores notas, nos seguen a educar para os coidados e por elo cando eliximos o que queremos estudiar, as nosas inclinacións son máis sociais. Ademais, as mulleres das enxeñerías deben de ser máis visibilizadas para que as nenas teñan referentes desde pequenas". Silva insistiu en que "desde as enxeñarías se cambia o mundo e hai moitos exemplos: garantir a alimentación humana vai pasar por análises das enxeñarías, como a biomedicina, as matemáticas, a programación e as novas tecnoloxías. Por iso, dixo a presidenta, é fundamental que estean aí".

A próxima posta en marcha dunhas xornadas para poñer ideas en común, formar sinerxías, debater a situación das mulleres da enxeñaría, ou a organización de visitas aos centros educativos para que as nenas teñan referentes destas profesións técnicas, son algunhas das ideas que xurdiron deste primeiro encontro. Carmela Silva insistiu en que "é fundamental que sigamos a crear redes nas que as mulleres compartamos problemas, causas, inquedanzas e discriminacións, tamén coas mulleres que non o sintan así porque iso permite ver que somos diversas e que non temos porque pensar igual".