Noticias

Carmela Silva aplaude "a decidida aposta de Froiz pola sustentabilidade e a eficiencia coa súa instalación de autoconsumo fotovoltaico"

A presidenta da Deputación acompañou a Martin Green, referente mundial da tecnoloxía fotovoltaica, na visita a EDF Solar que desenvolverá o proxecto en Barro


16 outubro 2019
Froiz

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou hoxe na presentación da instalación de autoconsumo fotovoltaico de última xeración que a empresa EDF Solar levará a cabo na planta de conxelados do novo centro loxístico que está a construír o grupo de distribución alimentaria Froiz no polígono de Barro. Esta planta será a primeira en todo o Estado en implantar os módulos de alta eficiencia e rendemento da firma internacional Sunport Power, cuxo director científico e Premio Mundial da Enerxía 2018, o australiano Martin Green, estivo presente no acto. Tamén participaron o alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, a subdelegada do goberno na provincia de Pontevedra, Maica Larriba, a responsable de comunicación de Froiz, Brígida Nieto, o director xeral de EDF Solar, Fernando Romero, e o director xeral de Sunport, o Dr. Zhang.

Carmela Silva mostrou o seu orgullo pola presentación "que mostra unha vez máis o enorme talento que existe nesta provincia", e sinalou que "esta é unha aposta moi importante e salientable dunha empresa, Froiz, pola sustentabilidade e pola eficiencia enerxética. É unha resposta a un planeta que nos reclama tanto ao sector público como ao privado que apostemos de verdade polas enerxías limpas". A presidenta provincial salientou que "neste século vai mudar o paradigma da economía, do crecemento económico, da creación e da distribución da riqueza", e por iso "actuacións como a que presentamos hoxe amosan que somos sensibles e que tomamos decisións para que o planeta non colapse. EDF Solar e Froiz son un exemplo de empresas que apostan pola sustentabilidade, que hoxe é o que celebramos".

O feito de contar con Martin Green, considerado o "pai" mundial da enerxía solar fotovoltaica, "significa que en Galicia e na provincia de Pontevedra temos moita capacidade para construír e para xerar ideas que se converten en proxectos", salientou Carmela Silva. "Temos intelixencia, coñecemento e persoas que apostan por crear cousas que acabarán sendo referencias: somos quen de situarnos no mundo falando de aquilo que ao mundo lle importa", afirmou a presidenta provincial.

O director científico de Sunport Power, Martin Green, está considerado como un dos principais responsables da "democratización" da enerxía fotovoltaica, que vai camiño de converterse na principal referencia de fontes limpas de enerxía por mor do seu grande avance. Carmela Silva lembrou a importancia de que Green visite a provincia de Pontevedra cando "vén de estar reunido con dirixentes chineses e tamén co presidente dos Estados Unidos".

Green asegurou que "as placas, que empregan a tecnoloxía MWT (envoltura metálica), teñen entre as súas grandes vantaxes unha gran potencia, fiabilidade, flexibilidade, mellor aspecto estético e, no seu conxunto, todo iso é moito mellor para o medio ambiente". Estas células que EDF Solar instalará na planta de conxelados de Froiz "teñen moita máis eficiencia enerxética e moitos menos gastos que outras tecnoloxías", e a maiores dunha garantía de 30 anos, "a partir dese momento seguen tendo unha eficiencia do 82 %". Cando chega a fin da súa utilidade, "que non teñan chumbo tamén supón vantaxes medioambientais". Grazas a esta tecnoloxía, informou o director xeral de EDF Solar, Fernando Romero, "a planta de conxelados de Froiz poderase abastecer do 60 % da enerxía que precisa para funcionar, co cal só terá que contratar o 40 % restante".

A presidenta da Deputación de Pontevedra felicitou a EDF Solar porque "está no centro das cousas boas, é dicir, que aposta por outra forma de vivir e de construír". "As enerxías limpas e alternativas", asegurou, "son fundamentais para o planeta, o futuro da humanidade, e nesta empresa hai moita intelixencia e coñecemento". Do mesmo xeito, tamén quixo facer mención ao feito de que "o 60 % do seu persoal son mulleres e é unha empresa que funciona cos novos parámetros, incorporando horarios que permiten a conciliación e ter unha vida persoal de calidade". No mesmo senso, Silva lembrou que "son unha gran defensora de Froiz porque é unha empresa galega, que aposta polo noso produto de calidade, e que ten incorporado no seu discurso que as traballadoras e traballadores son fundamentais para o bo funcionamento dunha empresa".

Fotos