Noticias

Carmela Silva asina a cesión ao Concello do Grove dunha parcela que destinarase á construción dun centro social para as persoas maiores

A presidenta provincial e o alcalde do Grove, José Cacabelos, coincidiron en que "é un convenio que encántanos asinar porque é para unha demanda e unha necesidade social"


12 febreiro 2019
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde do Grove, José Cacabelos

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou esta mañá co alcalde do Grove, José Cacabelos, un convenio polo cal a institución provincial cede un terreo de 162m2, no lugar de Reboredo, para que a vila do Salnés poida construír un centro social para as persoas maiores do municipio. Tras o acto de sinatura, Silva detallou que "o terreo cedido formaba parte do dominio público viario da Deputación de Pontevedra pero na actualidade non prestaba servizo algún ao viario nin aos seus elementos funcionais. O concello pediunos o terreo para construír un centro para as persoas maiores do Grove e estamos encantadas en que así sexa".

Sobre o proxecto, José Cacabelos explicou que "o terreo era de titularidade privada, duns veciños que fai un tempo viñeron ao Concello para dicirnos que compartían a política social que estábamos levando a cabo no rural e que se nos comprometíamos a realizar este proxecto eles cederíannos gratuitamente o terreo. Esa parcela fóra expropiada innecesariamente polo anterior Goberno da Deputación e hoxe, por sorte, grazas a esta nova Deputación, consciente e sensible co proxecto, faremos realidade unha necesidade e unha demanda das nosas veciñas e veciños".

A cesión prodúcese despois de que o Pleno da Deputación de Pontevedra, na súa sesión ordinaria do día 30 de novembro de 2018, aprobara inicialmente a desafectación do servizo público do terreo e a cesión gratuíta ao Concello do Grove para destinala á construción do centro social. O acto de sinatura chega unha vez rematado o prazo de exposición pública, que finalizou sen alegacións nin reclamacións.

Carmela Silva tamén afirmou estar "encantada de asinar este convenio, pois é un acordo que non fala de recursos económicos pero si de futuro para as veciñas e veciños dunha vila coma O Grove que necesita centros destas características que son unha demanda social".

Na mesma liña, o alcalde do Grove, José Cacabelos, sinalou que "este é un convenio moi pequeniño pero que ten unha transcendencia fundamental para a nosa vila, os grandes obxectivos están construídos con pequenas cousas como esta".

Fronte ás "agoreiras e agoreiros" o Auditorio do Grove será unha realidade

Ante os medios de comunicación, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, aproveitou para sinalar que "fronte ás agoreiras e agoreiros de sempre podo dicir que o Auditorio do Grove, unha edificación que desde fai anos é unha reclamación da súa veciñanza, será unha realidade" e apuntou que "na Deputación temos aprobado a modificación que permite ampliar o prazo de construción dos proxectos do Plan de Reequilibrio". Pola súa banda, José Cacabelos afirmou que "O Grove terá o seu Auditorio malia todas as pedras que se lle están a poñer no camiño. Levarémolo a cabo e será unha das obras máis importantes da provincia".

Fotos

Vídeos

Audios

  • Audio