Noticias

Carmela Silva asina cos concellos de Pontevedra e Vigo o protocolo do que espera que sexa "o mellor mundial júnior de balonmán de toda a historia"

A presidenta da Deputación resaltou que "con este evento vaise visibilizar a provincia en todo o mundo, seremos a capital do balonmán mundial durante dúas semanas"


14 xuño 2018
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou esta mañá o protocolo de colaboración entre a Deputación, o concello de Vigo e o de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou esta mañá o protocolo de colaboración entre a Deputación, o Concello de Vigo e o de Pontevedra para a organización do Campionato do Mundo Júnior Masculino 2019. Xunto á presidenta asistiu á sinatura Francisco Blázquez, presidente da Real Federación Española de Balonmán.

Tal e como informou Carmela Silva, este protocolo contempla o interese que ten para o conxunto da provincia de Pontevedra este Campionato do Mundo Júnior  2019 e a posta en marcha de todo o procedemento para a organización do mundial. Ademais, durante o acto, Carmela Silva destacou que "este evento vai beneficiar a toda a provincia, por iso para nós era unha obriga estar aquí".

En canto ao protocolo asinado, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores sinalou que "trátase dun paso máis para seguir traballando na organización deste importante evento xunto ao Concello de Vigo e coa inestimable axuda da Deputación de Pontevedra". Lores tamén destacou que este evento vai ser considerado de especial interese, polo que espera que "haxa patrocinios importantes que reduzan o custo final da organización do mundial".

A presidenta, que afirmou estar segura de que a provincia de Pontevedra organizará o mellor mundial júnior da historia, tamén resaltou que "na actualidade o deporte é unha grande revolución, cunha espectacular capacidade de visibilizar os territorios. Por iso cremos que é unha forma extraordinaria de presentarnos ante o mundo." Silva rematou lembrando que "en anteriores mundiais acreditáronse máis de 200 medios, o que demostra que este é un evento que vai visibilizar á provincia de Pontevedra en todo o mundo, xa que seremos a capital do balonmán mundial durante dúas semanas".

Pola súa banda, Francisco Blázquez, presidente da Real Federación Española de Balonmán, afirmou que "témonos que sentir orgullosas e orgullosos por volver acoller un evento destas características. Ademais, con este evento en terras galegas podemos devolver á provincia de Pontevedra parte de todo o que dá ao noso deporte".

O Campionato do Mundo Júnior 2019 terá lugar en Pontevedra e Vigo do 23 de xullo ao 4 de agosto e nel participarán as 24 mellores seleccións do mundo, chegando España á cita coma vixente campioa, xa que no verán do 2017 levantou o título na cita que tivo lugar en Alxeria. Tras a sinatura deste protocolo, nos vindeiros meses, a Deputación de Pontevedra firmará convenios co Concello de Pontevedra e o Concello de Vigo e tamén coa Federación Española de Balonmán.