Noticias

Carmela Silva chama á Xunta a que "dunha vez asuma o compromiso de financiamento coa vía verde do Salnés adquirido hai máis de dous anos"

"Espero que a reunión do luns cos alcaldes non sirva para que a Xunta faga o enésimo anuncio e sexa a data para asinar o convenio cos concellos"


11 setembro 2019

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou esta mañá xunto aos alcaldes de Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis, Alberto Varela e Juan Manuel Rey, as obras que se están a acometer na vía verde do Salnés ao abeiro do convenio asinado entre a institución provincial e os concellos de Portas, Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis. "Estamos nun día de celebración porque as obras avanzan a bo ritmo", asegurou Silva, "pero tamén de reivindicación, porque é incomprensible que dous anos despois a Xunta de Galicia siga sen cumprir o compromiso adquirido hai dous anos cos concellos para contribuír ao financiamento da que é a primeira vía verde íntegra en Galicia".

"Sen ánimo de crítica teño que dicir que non é posible entender que a Xunta de Galicia non fose a primeira institución en promover esta actuación. A única explicación que eu lle atopo é que Vilagarcía e Caldas non as goberna o PP", asegurou Silva. A presidenta da Deputación manifestou sentirse "molesta como dirixente política e cidadá. Creo que a Xunta debe poñerse diante, liderar a transformación de toda Galicia e particularmente da provincia de Pontevedra, o motor de Galicia, e preocúpame moito o seu desinterese".

Ademais, Carmela Silva demostrou, coa hemeroteca na man, que a Xunta se comprometeu publicamente en setembro de 2017 a financiar a vía verde do Salnés a través da sinatura dun convenio cos concellos de Portas, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa e que, cronoloxicamente, "non fixo outra cousa neste tempo que anuncios dun investimento que agora, dous anos despois, segue sen formalizar". "Hoxe coñecemos unha nova reunión, convocada esta mesma mañá para o luns, así que espero da Xunta que esta reunión sexa para asinar o convenio cos concellos", manifestou Silva, que tamén lembrou que "só teñen que achegar o investimento, ata o proxecto da súa parte do trazado o tivemos que facer na Deputación de Pontevedra".

Nestes momentos, estanse a acometer xa na vía verde obras de acondicionamento a cargo de Tragsa no marco do convenio entre a Deputación e os concellos, que ascende a máis de medio millón de euros. "As obras avanzan a bo ritmo nesta primeira vía verde en Galicia que se vai acometer de xeito intermunicipal. Vai ser unha referencia e terá un percorrido de 9,2 quilómetros", indicou Silva, que lamentou profundamente "a posibilidade de que, como a Xunta de Galicia non cumpra co seu compromiso, non poidamos ter o trazado completo".

Pola súa banda, o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, incidiu en que "soamente motivos políticos teñen lastrado este proxecto que nos sitúa como pioneiros e nos reforza como capital do sendeirismo". Do mesmo xeito se manifestou o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, quen asegurou que "é unha mágoa ter que facer referencia ao desinterese da Xunta de Galicia. Moito me temo que a reunión do vindeiro luns será outra volta máis para marear a perdiz e que o momento de asinar o convenio quedará para antes das eleccións autonómicas. Pedímoslle á Xunta que deixe de obstaculizar este proxecto e permita que a vía verde do Salnés, a primeira de Galicia, se poida rematar canto antes".

Fotos