Noticias

Carmela Silva confirma un incremento de ata dez puntos na ocupación hoteleira media na provincia no pasado mes de decembro

A presidenta da Deputación sinalou que o ascenso "foi moi relevante debido ao forte tirón do alumeado de Nadal na cidade de Vigo"


04 xaneiro 2019
Oficina de turismo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do deputado de Turismo, Santos Héctor, deu a coñecer esta mañá os datos relativos á ocupación hoteleira do pasado mes de decembro e das datas máis sinaladas do Nadal. En concreto, a provincia de Pontevedra rexistrou unha ocupación media en establecementos hoteleiros do 39 % de media fronte ao 29 % do ano 2017 producíndose, así, un incremento de dez puntos con respecto ao ano anterior. No caso do turismo rural, a porcentaxe foi do 15 %, tres puntos superior a decembro do ano pasado, mentres que as vivendas turísticas acadaron o 60 % de media. Para a presidenta da Deputación, os resultados acadados "poñen de manifesto que a nosa aposta pola desestacionalización, enmarcada no Plan Estratéxico de Turismo, segue dando os seus froitos".

Carmela Silva puxo en valor a importancia das luces de Nadal na cidade de Vigo como un dos principais atractivos turísticos da provincia durante o pasado mes de decembro "que non só provocou un espectacular cheo na cidade viguesa senón que funcionou como tirón para toda a súa comarca e tamén para as máis próximas". De feito, a comarca de Vigo rexistrou unha ocupación media do 68 %, durante todo o mes, superando en 25 puntos os resultados do ano pasado, chegando ao 74 % en Fin de Ano e ao 55 % en Nadal. Máis en concreto, na cidade de Vigo a ocupación media mensual foi do 87 %, acadando no Nadal un 85 % e en Noitevella un 95 %. Pola súa banda, no Baixo Miño acadouse o 38 % de ocupación hoteleira, o que supón 12 puntos máis que no 2017, e sendo superada en Fin de Ano ata o 42 % e en Nadal co 40 %. Na comarca do Morrazo rexistrouse unha ocupación do 23 %, tres puntos superior á do ano pasado, superando o 30 % en Nadal. En canto á comarca de Pontevedra, superouse o 45 % de ocupación, 19 puntos por enriba de decembro do 2017 e acadando o 52 % en Nadal. No Salnés rexistrou unha ocupación media do 48 %, seis puntos máis que o ano pasado, incrementándose ata o 52 % en Fin de Ano e ata o 65 % en Nadal. Nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes chegouse ao 29 % de ocupación, porcentaxe que foi superada en Noitevella acadando o 66 %. Con respecto ás comarcas do Condado e da Paradanta a ocupación acadou o 21 %, chegando ao 38 % no Nadal.

Pola súa banda, o turismo rural acadou unha ocupación media na provincia durante decembro do 15 %, "continuando así a tendencia alcista rexistrada nesta tipoloxía de turismo ao longo do 2018". Ademais, a ocupación en establecementos rurais provinciais chegou ao 51 % durante a Noitevella e ao 40 % no Nadal. En canto ás vivendas turísticas, cun 60 % de ocupación media, destacaron os destinos de Vigo e Pontevedra, que chegaron ao 100 % de ocupación.

A presidenta da Deputación tamén aproveitou para poñer en valor que o castelo de Soutomaior recibiu, dende maio do 2018, a preto de 30.000 persoas, o que supón un 15,4 % máis de visitantes en 8 meses do 2018 fronte ao 2017.

En canto ao perfil das persoas que visitaron a provincia, o 95 % foron españolas de Madrid, Barcelona, Badajoz, Valladolid e Zamora. E o 5 % foron persoas estranxeiras que viñeron desde Portugal, Francia, Reino Unido e Arxentina. En xeral, e tal e como explicou a presidenta, o 50 % das persoas que visitaron a provincia tiñan entre 35 e 60 anos e aloxáronse en hoteis entre 7 e 15 días. Ademais, elixiron este destino pola oferta cultural e o 74 % non estivera antes na provincia.

Galaicos prolonga un mes a súa estancia no MAN

A presidenta tamén aproveitou para dar a coñecer o éxito que está a ter a exposición "Galaicos: un pobo entre dous mundos" no Museo Arqueolóxico Nacional (MAN) de Madrid e que, ata o momento, leva recibidos 9.760 visitantes. Neste senso, o éxito da mostra levou a que desde o museo madrileño se pedira prolongar un mes máis a súa presenza na capital, estendéndose ata o 3 de marzo. Desde aí, Galaicos viaxará ao Museo de Prehistoria de Valencia, onde se poderá visitar entre marzo e xuño, e logo continuará en Jaén e finalmente no Museo de Pontevedra.