Noticias

Carmela Silva cualifica os datos da EPA de preocupantes polo crecemento do número de persoas desempregadas

A presidenta da Deputación subliña o aumento dos fogares con todos os seus membros no paro, que creceron nun trimestre en 6.900 e chegan case a 1,4 millóns


27 abril 2017
Economía

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, cualificou hoxe de preocupantes os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do primeiro trimestre de 2017, no que o número de persoas desempregadas aumentou en máis de catrocentas mil en todo o país.

Especialmente alarmante, segundo Silva, é a situación da provincia de Pontevedra, onde, a pesar de ter unha taxa de actividade medio punto por riba da media galega, a taxa de desemprego é a máis alta das catro provincias galegas, por riba da media nacional e próxima ao 19,63 %.

Segundo a EPA 85.500 persoas da provincia están en situación de desemprego, o que para a presidenta da Deputación é "unha mala noticia e esixe das administracións que poñamos todo da nosa parte para corrixir esta situación con todas as nosas posibilidades e esforzos. Sobre todo, fago unha chamada a Rajoy e a Feijóo, que teñen as competencias, para que redobren o seu labor cara a reducir estas cifras e que non caian na autocomplacencia".

Non obstante, un dos datos máis importantes que reflexa a EPA, a xuízo de Carmela Silva, é a situación dos fogares con todos os seus membros en desemprego. Os datos da enquisa indican que suman 1.394.700, dos que 6.900 se engadiron nestes tres primeiros meses do ano. "Cando vemos que as prestacións por desemprego caen mes a mes é moi preocupante e dramático que case 1,4 millóns de fogares teñan todos os membros nas listas do desemprego e que enquisa tras enquisa a cifra siga a aumentar", subliñou Silva.

Para a presidenta da Deputación a temporalidade da contratación, que se achega neste trimestre case ao 26 por cento, e as altas cifras de desemprego feminino son outros aspectos inquietantes que deita a nova EPA deste trimestre.


Novas relacionadas

Rolda de prensa

02 xuño 2017, empleo, temporal, alta temporalidad, alta temporalidade, novos empregos, nuevos empleos