Noticias

Carmela Silva da o pistoletazo de saída á terceira edición do exitoso Coworking de Barro

O programa de emprendemento organizado pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa EOI mantén aberto o prazo de inscrición ata o 31 de xaneiro


05 xaneiro 2019
Rolda de prensa Carmela Silva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou unha nova edición do Coworking de Barro, o programa de emprendemento froito da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial, no que nos dous anos anteriores "completaron a formación un total de 35 proxectos, dos cales 20 estiveron liderados por mulleres". Esta nova edición, a terceira das catro previstas, comezará o próximo 5 de febreiro e alongarase ata o 27 de xuño.

Tal e como sinalou Carmela Silva, "trátase dun proxecto dirixido ás emprendedoras e emprendedores que teñan un proxecto en fase temperá de desenvolvemento ou cunha empresa creada recentemente". Ademais, detallou que "o prazo de inscrición estará aberto ata o 31 de xaneiro e tras os éxitos das dúas anteriores edicións esperamos contar con 20 proxectos". As persoas interesadas poderán formular a súa solicitude de inscrición no programa a través da web da Deputación ou na web da EOI.

A través desta iniciativa, que conta cun orzamento de 800.000 euros, a Deputación de Pontevedra pretende fomentar o emprendemento e aumentar as posibilidades de éxito dos proxectos de negocio que participen nestes espazos de coworking, nun período de cinco meses, identificando as propostas con máis potencial de crecemento buscando que os proxectos participantes poidan incorporarse en aceleradoras e cubrir así a seguinte fase no desenvolvemento das súas empresas.

A presidenta da Deputación explicou que as persoas que participen nesta nova edición terán acceso a 100 horas de formación, concretamente "45 horas de talleres formativos, 15 horas de dinámicas grupais, 20 horas de titorías individualizadas coa persoa mentora do proxecto, 10 horas de mentoría experta e 10 horas de soporte e seguimento do proxecto". Como as dúas anteriores edicións, o programa rematará co "DemoDay" na que as e os participantes presentarán individualmente os seus proxectos.

As emprendedoras e emprendedores que participarán neste coworking tamén poderán acceder a outros servizos de emprendemento promovidos pola Deputación. De feito, en Barro poderán facer uso, de maneira gratuíta, do FabLab ou Laboratorio de Fabricación Dixital, onde se dispón dun completo equipamento de fabricación dixital (impresoras 3D, escáneres 3D, kits de Arduino, fresadora de madeira, soldadores de electrónica, material electrónico diverso, utillaxe, etc.) e no que se desenvolveu unha intensa programación de talleres específicos para coñecer esta tecnoloxía.