Noticias

Carmela Silva destaca a Elena Gómez del Pozuelo como referente do emprendemento feminino ligado ás novas tecnoloxías

Pozuelo, presidenta de Adigital e CEO de empresas, falou de "Atopar o lugar da túa empresa na nova era dixital" na xornada para presentar SmarPeme a emprendedores, autónomos e pemes


13 xul 2016
Presentación SmartPeme

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou hoxe a figura de Elena Gómez del Pozuelo como referente do emprendemento feminino ligado ás novas tecnoloxías. Foi no transcurso dunha xornada de traballo para presentar o proxecto SmartPeme a emprendedores e emprendedoras, autónomos e autónomas e pemes. Silva puxo a Gómez de Pozuelo como exemplo de que o novo mundo dixital no que vivimos tamén está chamado a ter protagonistas a caras femininas como a desta muller, na actualidade unha das persoas máis influentes no emprendemento en novas tecnoloxías.

Carmela Silva agradeceu a presenza de Gómez del Pozuelo nesta xornada para darlle visibilización ás mulleres que hoxe en día dan un paso adiante para emprender e para chegar a ocupar  un lugar nos espazos de decisión. Pero ademais, destacou dela que "non só é unha muller de éxito, senón que tamén é  unha muller que se ten convertido nun auténtico referente do emprendemento no mundo da empresa e das novas tecnoloxías".

A Presidenta salientou a importancia de contar con figuras de primeiro nivel como Elena Gómez del Pozuelo para dar a coñecer, a través da súa experiencia, o novo proxecto SmartPeme a emprendedores, pemes e autónomos da provincia. "Un proxecto ambicioso que pretendemos se converta nun referente neste mundo dixital no que vivimos, un modelo de como as administracións e o sector privado podemos traballar xuntos para lograr que as cousas funcionen", manifestou Silva. Insistiu en que SmartPeme, que vén substituír ao CPAE 2.0., é unha iniciativa que só funcionará "se somos capaces de ser moi porosos e deixamos que os protagonistas sexan os concellos e o tecido empresarial da provincia, escoitando as súas necesidades e demandas e ofrecéndollas".

No transcurso da xornada, Elena Gómez del Pozuelo falou da súa experiencia profesional no campo das novas tecnoloxías nunha charla que titulou "Atopar o lugar da túa empresa na nova era dixital". Comezou falando de que hoxe en día as empresas, grandes e pequenas, se moven na era VICA: Volatilidade, Incertidume, Complexidade e Ambigüidade, "un mundo en constantes cambios, onde  as novas tecnoloxías son a clave". Pero ao seu entender, neste contexto as pequenas empresas teñen moito que gañar, "xa que a economía dixital iguala a grandes e pequenos, polo que nesta era as pequenas empresas temos moitas oportunidades".

Gómez del Pozuelo explicou esta economía dixital actual a través de distintos ítems que non se poden deixar de lado. Entre outros, falou do fenómeno da "Chinanización", o remate do anonimato, a transparencia, a co-creación, a era do móbil para todo, o auxe do autoemprego, o crowfunding e crowsourcing, a revolución na educación, a irrupción do talento dixital, o consumo dixital ou os nichos dixitais. Destacou ademais que, neste mundo dixital, a muller é unha das claves e lembrando palabras de Lagarde, a presidenta do FMI, afirmou que "cando ás mulleres lles vai ben, aos países vailles ben". Pero para lograr isto dixo que hoxe é máis necesario que nunca loitar contra a brecha de cristal que impide que as mulleres cheguen ás cúpulas de todos os sistemas.

Para aproveitar as oportunidades que ofrece este actual mundo cambiante, Gómez del Pozuelo sinalou catro claves imprescindibles. A primeira delas, cambiar a visión e a cultura da empresa, apostando por unha empresa innovadora, transparente, conectada, flexible e áxil. A segunda pasa por centrarse nos traballadores, dándolle poder e decisión ao equipo, tendo "traballadores empoderados e embaixadores", incidindo na flexibilidade e na cultura colaborativa. A terceira clave consiste en ser unha empresa centrada nos clientes, buscando sempre que a sensación que lles quede sexa positiva, "unha experiencia que queiran volver repetir". A cuarta é ultima clave a conseguir sería aproveitar os novos modelos de negocio que van xurdindo.

Elena Gómez del Pozuelo rematou a súa intervención poñendo dous casos prácticos de dúas empresas que se adaptaron a esta nova economía dixital. Unha delas , "bebedeparis", unha empresa física de máis de 20 anos de historia, que se transformou na actualidade nunha empresa on line que xa vende a todo o mundo e é líder de ventas do seu sector en España. Outro exemplo foi o de "womenalia", un proxecto que xa naceu na era dixital e que se converte na primeira rede de networking mundial de mulleres profesionais.

Para visibilizar as vantaxes de SmartPeme, as persoas asistentes tamén puideron escoitar como dúas usuarias empregaron os seus servizos para mellorar as súas empresas. Silvia Crespo explicou como grazas a SmartPeme, antes CPAE 2.0., puido lograr que a súa peme Bienbonito mellorase na comunicación cos clientes, na promoción dos seus produtos, na optimización de tempo e recursos e na xestión do negocio. Así mesmo, Yolanda Bóveda, falou dos beneficios do proxecto para poder pór en marcha o seu soño "La Mariquita de Azúcar".